Ourense inicia o Entroido 2017 coa convocatoria do concurso de carteis

“As obras deberán ser estritamente inéditas e orixinais, non debendo ter sido premiadas anteriormente nin atoparse pendentes da resolución do xurado noutros concursos. Serán entregados impresos e pegados sobre cartón pluma debidamente protexido de tamaño 50×70 cm. adoptando forma vertical”, adiantaba o voceiro do goberno municipal, José Araújo, na rolda de prensa posterior á xunta de goberno local do 19 de xaneiro. As bases poderán consultarse nas webs municipais.

En xunta de goberno local foron aprobadas igualmente as bases do II Certame Literario “Cartas de Amor” para escolares con motivo do día dos namorados da Concellería de Educación. Nel poderá participar o alumnado de 6º curso de Educación Primaria e 1º ESO do Concello de Ourense. Os temas das cartas serán o amor ou o desamor e deberán estar escritas en prosa, en lingua galega ou castelá cunha extensión de entre 15 e 40 liñas. “É unha forma de fomentar a creatividade, a orixinalidade, a capacidade para transmitir emocións, así como a ortografía e presentación”, en palabras de Araújo Fernández. Os premios, sendo para escolares, serán un bolígrafo intelixente e un lote de libros, o primeiro, e un lote de libros, o segundo.

Licenzas

A xunta de goberno local deu conta, ademais, doutros asuntos dentro da súa orde do día, entre os que destacan os de carácter urbanístico. Neste sentido, denegouse unha petición para legalizar unhas obras realizadas no lugar da Conchada, en solo rústico, en base aos informes da Axencia Galega de Protección da Legalidade Urbanística. No mesmo sentido manifestouse a xunta de goberno sobre a licenza de obra para o proxecto básico e de execución de instalación dun ascensor nun inmoble da praza de Alfonso Alcaraz. “Existen unha serie de prioridades, como son as de edificar, por esta orde, dentro do inmoble, nos patios de luces e no exterior; neste caso propoñen facelo no exterior pero existen informes técnicos que din que se pode facer perfectamente dentro”, explicaba o voceiro municipal para explicar a denegación da licenza.

Por outra banda, a xunta de goberno aprobou o expediente de rehabilitación e ampliación do edificio que fai esquina entre as rúas Fornos e Pizarro para destinalo a Restaurante con bar anexo e uso hostaleiro de apartamentos turísticos; licenzas de obra de adaptación de local para senllas cafeterías, unha na rúa Rei Soto e outra na rúa Bedoya; e, finalmente, licenza para segregar un local na rúa Progreso en dous: 290,92 m2 e 274,46 m2 respectivamente.

Reclamacións patrimoniais

Dúas foron as reclamacións patrimoniais que abordou a xunta de goberno, ambas rexeitadas por non achegar a información que se lles solicitaba. A primeira, pola caída dun muro de 8 metros na rúa Carrabouxo, e a segunda por unha caída na rúa do Paseo. Os dous expedientes quedaron arquivados.

Contratación

No referido ao servizo de contratación, un par de asuntos: Por unha banda, a xunta de goberno deu conta da ordenación decrecente das ofertas presentadas para a xestión do centro de visitantes do Parque de Montealegre. A mellor puntuada, Xesmega – Xestores Medioambientais de Galicia, deberá presentar a documentación esixida no prazo de dez días.

Pola outra, aclararouse un punto do prego referido ao contrato de vestiario da policía local, adxudicado en pasadas xuntas de goberno. A modificación aclara que o prezo do contrato é de 74.987 euros anuais durante catro anos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar