O cosmos simbólico de Perico Castro

Vense dicindo por este confín de negacións, e por algo será, que Galiza tampouco é terra de pintores. Cando todo se pintaba de cor pra darlle vida. O debuxo e a cor están na forma da natureza e das cousas. Logo, o inexorable paso do tempo fixo o demais, xunto coa humidade e a ignorancia, tamén se perde a cor, os saberes e mesmo se degrada a cultura.

Pra sintetizar unha Historia do Debuxo en Galiza, comezariamos polos petróglifos con esas siluetas abstractas de cosmogonías, de caza e doma de bestas bravas, de armas, de ritos… pasariamospolos miniaturistas, muralistas e escultores dos templos do medievo, até eses tempos románticos no que o ferrolán e viaxeiro, Jenaro Pérez Villamil era referente polas súas estampas de debuxos. Seguido desa malograda xeración de románticosmozos bohemios e dos mestres que tería o neno Pablo Picasso nos seus primeiros anos de estudo na Coruña.

Lastre histórico de creadores quenon se perde, medra e ten referente na obra de Castelao, naquel seu esforzo por concienciar e dignificar a través do debuxo. Velaí tamén a obra de Urbano Lugrís, nutrida e asolagada en lendas celtas e oceánicas. Ansia cinematográfica da estampa na que seguimos a contar historias a través da banda deseñada. Incorpóranse as novas técnicas dixitais que levaran a obra ás pantallas. Hoxe Miguelanxo Prado é un referente, como Xosé Cobas, novas vangardas que abren camiños na vella interacción de debuxo e cor .

O teimudo don Manuel Murguía insistía ao seu fillo Ovidio que nos seus debuxos deixara constancia do que se perde, das tradicións, desas ruínas, tímpanos, canicelos, capiteis… que ofrecen tan rica linguaxe de símbolos, e que por descoñecidos resultan esotéricos. Leccións aprendidas non sei en que oriente, interpretadas baixo a dirección de mestres dos canteiros en templos arquitectónicos nos que unha parte ten relación coa inmediata e todo cun conxunto harmónico. Cosmos, fronte a Caos e por medio unha ascética peregrinación, como un Xogo da Oca. Leccións dos canteiros aprendidas na Ilustración pola masonería.

Historia de debuxantes, uns na ansia de representar o espírito, outros máis pegados ao retrato ou a esa fidelidade arqueolóxica, que mesmo supera á fotografía, como o arqueólogo coruñés Luis Monteagudo que marca escola no debuxo de sombras e luces que dan releve ao representado sobre o papel. Entre eses puntillosos debuxantes lembramos a Xosé Antón García Ledo, rescatado primeiro polo estudoso betanceiro Vales Vilamarín e máis tarde, até o seu recente pasamento polo xenealoxista Eduardo Pardo de Guevara do Consello Superior de Investigacións Científicas. E velaí a súa obra espallada en Cadernos de Estudos Galegos. O arquiveiro, museólogo e historiador de Betanzos, Alfredo Erias, con museo propio na súa casa natal de Presedo de Abegondo é outro magnífico debuxante de vestixios arqueolóxicos, deses sartegos de cabaleiros armados e damas con cofia os que co seu debuxo consigue facer saír do papel… e eses seus novos frontais, antipendiums polícromos que alegran a vista e cobren ausencias pasadas.

Sirva tanto precedente para enmarcar a consecuencia que nos trae aquí. Referímonos a un singular debuxante e cromatista, portador tamén dese dominante xene arqueolóxico do debuxo, Perico Castro Couto. Compre dedicarlle tempo e quizais poñer lupa pra enxergar a súa obra, a maioría de trazos feitos a plumiña, debuxos a tintas sobre papel, tamén acrílicos e obras tramadas cun concepto de frontal Románico que tentan transmitir historias e lendas. Creador de man como gobernada polo espírito dun beato miniaturista a reinterpretar mil e un anos despois enigmas desteconfín “máxico”, de magos e meigas. Xanelas abertas a un pasado expresado en un linguaxe de trazos que perfilan poses dos pes, das mans, dos acenos, do caer dos roupaxes… que nos meten e fan entender un idioma , mesmo a descubrir agora aspectos que orixinais de épocas omellan ocultar.Pasado insistente na enigmática dialéctica principio-fin, vida-morte que nos couta, representada entre os símbolos do día e da noite, do Sol e da Lúa, Oriente-Occidente, as letrasdo abecedario grego Alfa-Omega, entre as que están todas as demais letras, coas súas posibilidades de construír palabras, idiomas e entendernos…Medievo, que como todo, ten o seu antes, herdos que se perden en Suevia, na Gallaecia romana, nas xentilidades castrexas, célticas, fenicias e mesmo gregas, buscadoras do ouro, as que practicaban o sacrificio do taurobolio, as hecatombes, que facían festa nas noites de plenilunio e danzaban caendo de xeonllos, bebían zume de froitas e tocaban un xeito de gaita… País de guerreiros protexidos coa caetra, escudo que serviu de primeiro logo deste estremeiro cabo do mundo. Luis Seoane sentía atracción por este código simbólico, o que, doutro xeito, está na base da súa obra.

Perico Castro goza afondando en Galiza. Hai xa décadas, témolo atopado pola banda bracarense, foi nese embigo de arqueoloxía que é o Castro de Briteiros, territorio sobre o que asomou a mítica escultura do Coloso de Pedralva, como feita por un Paco Leiro protohistórico, emblema dun tempo…e hoxe na entrada dun supermercado, en Guimarâes.

Perico Castro Couso, como moitos ferrolánsé tamén portador dese metódico racionalismo de compas e diapasón, herdo da ilustrada cidade da Armada, xeito que mestura razón con ilusión. Estuda náutica na Coruña e axiña vira de rumbo para traballar nas artes gráficas da imprenta Lombardero, dando renda solta á aventura e á preocupación pola Arqueoloxía e Historia de Galiza. Creador da galería de artesanía Atlantis, un referente, e que lle permite estar en todo acontecer arredor dos creadores de formas e do seu comercio. El mesmo ten traballos en cerámica, cartón pedra e reproducións de pezas arqueolóxicas.

Pero onde a obra de Perico Castro se estende e se expresa con todo ese saber acumulado é no debuxo coa representación de monumentos ou parte deles, deixando que a pedra, materia prima, osamenta que tanto condiciona a cultura de Galiza, fale por ela mesma.

O seu é algo máis que unha representación, é tamén investigación e unha lección de Arqueoloxía que nos permite furar por aspectos insólitos e nos remiten ao análise e ao coñecemento de usos do pasado. A simboloxía é a súa teima, ese devalar cósmico, as cosmoloxías, entre Caos e Cosmos, baixo o que se desenvolven mitos, ritos, batallas que son fitos na Historia. Autodidactismo sometido a un guión histórico, aos creadores e artesáns deste enigmático universo occidental atlántico, céltico, que no medievo pasa polos gremios de canteiros e se leva ás labras. E todo coutado nun escenario de liñas que converxen e diverxen, arañeira, perspectiva onírica na que caemos e distingue a súa obra.

Perico Castro sigue o seu camiño, non anda en movidas, pervive nel a bohemia, a curiosidade polo pasado, sigue a súa peregrinatio cultural, expoñen alí onde chegue á xente do común, gardadora e detrupadora á vez de tantas tradicións, mitos e saberes.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar