Vigo afronta a remodelación da Vía Norte

abel-caballero_via-do-norte_10012017

Nunha visita á Vía Norte, Abel Caballero anunciou que a segunda fase da remodelación chegará ata Urzáiz e se acometerá “de forma inmediata” á finalización da primeira. A humanización da Vía Norte comeza desde a Travesía de Vigo ata Escultor Gregorio Fernández e presenta un prazo de execución estimado en catro meses.

O alcalde de Vigo subliñou o “significativo” investimento municipal na primeira fase da humanización da Vía Norte, 1.350.000 euros para reformar o treito desde a Travesía de Vigo ata Escultor Gregorio Fernández. O prazo de execución previsto para esta fase ascende a catro meses.

Segundo o proxecto, e tal e como detallou hoxe martes Caballero, o Concello renovará un quilómetro de redes de servizo soterradas (saneamento, abastecemento e pluviais), sumará 200 metros cadrados de superficie axardinada, arborado e xardineiras. O goberno local habilitará unha nova rede de alumeado, con 18 puntos de luz -incluindo a fachada da igrexa de Fátima- e o soterramento das liñas aéreas de telecomunicacións e rede eléctrica, entre outras actuacións.

O alcalde recordou que o Concello que preside ten actualmente en execución obras por valor de 11,5 millóns e ultima o inicio doutra serie de investimetos por importe de 15,5 millóns de euros, entre as que se atopa a primeira fase da humanización da Vía Norte. Caballero explicou que non se acometeu antes a remodelación desta “importante” rúa pois se agardaba á contratación da estación ferroviaria de Urzáiz, deseñada por Thom Mayne, e que contempla unha gran praza pública á altura de Vía Norte. “Confío en que se adxudique rápidamente”, salientou.

Unha vez estea concluida a primeira fase desta humanización, “e de forma inmediata”, adiantou Abel Caballero, o goberno de Vigo arrancará coa segunda fase, que afectará á beirarrúa dos edificios e chegará ata a intersección con Urzáiz.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar