Deputación de Ourense e CEO analizan a cooperación para este ano

 

baltar_ceo_09012017

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial ao presidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), José Manuel Pérez Canal, e ao vicepresidente e secretario xeral da entidade empresarial, Alejandro Cruz e Jaime Pereira, con que analizou os temas de cooperación que manteñen as dúas institucións, así como as liñas de colaboración cara a 2017.

Un dos temas destacados do encontro foi a proposta de levar a cabo un plan de internacionalización para as empresas de Ourense, que vai na liña da misión comercial USA-Ourense, promovida por Manuel Baltar e que se celebrou en xuño do ano pasado, co obxectivo impulsar as relacións entre empresas de USA e Ourense en sectores que favorezan sinerxias e creación de emprego na provincia ourensá. Este encontro, histórico por ser a primeira misión certificada polo Goberno dos Estados Unidos coa provincia de Ourense, permitiu ao mercado estadounidense coñecer o potencial e as singularidades da provincia de Ourense e das súas empresas.

Neste sentido, Manuel Baltar afirmou que a Deputación de Ourense seguirá a poñer a disposición da CEO ao longo de 2017 unha serie de servizos a prol das empresas de Ourense, “servizos que van desde o apoio a proxectos de internacionalización, misións comerciais e, en definitiva, pór en valor o potencial creativo dos empresarios de Ourense e seguir creando emprego”.

Baltar e Pérez Canal tamén analizaron na reunión os últimos datos socio-económicos que reflicte o Observatorio Económico Ourensán, que revelan que a provincia de Ourense leva 40 meses consecutivos de descenso na cifra de persoas desempregadas “síntoma do bo traballo que se está a facer desde o sector privado, o emprendemento, o apoio aos autónomos e ás grandes corporacións de Ourense, que teñen proxectos de internacionalización en diferentes países do mundo, algo que desde a Deputación estamos comprometidos en seguir apoiando”, destacou Manuel Baltar.

O plan presentado pola CEO a Manuel Baltar, denominado “Plan de aceleración e reforzo intelixente para a internacionalización das empresas ourensáns”, ten como obxectivo promover a dita internacionalización de empresas e a capacitación de profesionais neste ámbito, por medio de liñas de actuación que consisten en informar, asesorar e acompañar ás empresas nos seus procesos de internacionalización, e adestrar e formar a profesionais para a internacionalización das empresas. A finalidade deste plan é mellorar a competitividade das empresas e contribuír a estimular a economía da provincia e a xeración de emprego en todos os sectores da provincia.

No ámbito do asesoramento, o plan contempla un servizo avanzado de información para as empresas que abranguerá resolución de consultas sobre comercio exterior; información sobre programas de axudas e subvencións en materia de internacionalización; información sobre normativa da UE e doutros estados; información sobre eventos internacionais, e un servizo de detección de oportunidades internacionais, con demandas e ofertas de cooperación e busca de socios.

Ademais, o plan contempla un programa de iniciación á exportación e un plan de adestramento para a internacionalización de empresas ourensás, con seminarios de mercados internacionais e accións formativas prácticas. Todo elo estará a disposición das empresa por medio dunha plataforma virtual que incluirá, ademais dunha web en inglés e Español, un blog, redes sociais, vídeo, newsletter e canle de Youtube.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar