A Xunta impulsará este ano o programa Leader con achegas do tecido social agrario

xuntaza-agader_provisional

A Xunta destina 13,5 millóns de euros neste 2017 a impulsar o programa Leader e o traballo que levan a cabo os grupos de desenvolvemento rural (GDR). Deste xeito impúlsase o seu labor neste exercicio, que será o do seu lanzamento real, tras a súa recente constitución.

En total son 24 os GDR repartidos por todo o territorio galego, que xestionarán, como entidades executoras do Leader 2014-2020, un orzamento total de 84 millóns de euros no referido período. O labor destes grupos fai efectivo o enfoque de abaixo arriba que ten o Leader, integrando e incorporando as achegas dos diversos colectivos que conforman o tecido social do medio rural galego.

Precisamente, esta participación dos diversos axentes do agro plásmase na composición do consello asesor da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), que celebrou recentemente a súa última xuntanza baixo a presidencia da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez. Neste órgano están representados a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), as organizacións profesionais agrarias, asociacións de mulleres rurais, consumidores, confrarías de pescadores e outros colectivos representativos do agro. Este consello é, de feito, o instrumento clave de participación dentro de Agader, como órgano de consulta e asesoramento da administración autonómica e local na materia.

Nesta xuntanza, os responsables de Agader explicaron polo miúdo aos membros do consello as principais liñas de traballo previstas para 2017, así como as correspondentes dotacións orzamentarias e as estratexias de actuación coas que se pretende alcanzar os obxectivos da axencia. Deste xeito, como cada exercicio, ofrécese aos compoñentes deste órgano a posibilidade de participar e achegar ideas e propostas para a elaboración do plan anual de actuacións de Agader, que será implementado pola súa dirección.

 

Empresas non agrarias

Agader incrementa os seus orzamentos para 2017 nun 12,17%, chegando aos 36,2 millóns de euros. Ademais dos fondos para impulsar o Leader, a axencia destina outros 3,5 millóns de euros ás axudas directas para a posta en marcha e mellora de pequenas empresas non agrarias.

Esta contía mantense con respecto ao 2016, ano no que se acadaron uns resultados moi positivos con estas achegas, xa que se posibilitou a creación de máis de 20 empresas e a mellora de máis de 60, fomentando a consolidación de 350 empregos e a creación de máis de 100.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar