Que lonxe está Madrid

OS galegos o ano pasado seica andivemos un pouco despistados. E tamén máis apurados do debido. E, claro, logo, pasa o que pasa. Aumentaron as mortes ao volante despois de 13 anos de descender a gusto, pero sen parar.
Esta é polo menos a explicación que da a DGT para xustificar o aumento das mortes nas estradas o ano pasado.
Non fala da siniestralidade que, proporcionalmente, aumentou aínda moito máis.
Pode que na DGT teñan razón. Por poder, pode.
Pero xa se sabe, o da velocidade é un termo relativo. Como tamén o é o da atención.
Así que eu vou darlles outros datos para complementar esas explicacións.
Galiza conta co 19 % dos puntos negros de todas as estradas. En total son 20 anacos de concentración de acciden-tes, sen contar as estradas locais, camiños veciñais e pistas, por onde conduce tamén a xente e se esnafra.
Segundo datos da Asociación Española de la Carretera (AEC), “no último lustro case non se realizou o mantemento necesario no firme das estradas galegas por causa da crise”. A conservación das nosas estradas está 13 puntos por debaixo da media española.
A falta de investimento pertinente, tanto na mellora do firme como na sinalización, leva-rá a que antes de tres anos sexa necesario “reconstruír
totalmente parte das principais vías”. Serían uns 7.800 quilómetros os que necesitan atención urxente, a unha media de 7.540 euros quilómetro. Ou, se vostedes queren botar as contas por conxunto, uns 551 millóns de euros.
Iso si, contamos cos tramos nos que máis multas se poñen por exceso de velocidade (Vigo-O Porriño), e tamén somos os primeiros en ser multados no seu conxunto polo mesmo motivo: máis de 55.000 multas o ano pasado, con 50.000 infractores.
E non me veñan dicindo que é por afán recadador. Non. E que en Madrid pensan que só índonos ao peto entendemos as súas recomendacións. E así, se hai uns puntos nos que existe unha importante concentración de accidentes, crávanse sinais baixando a velocidade e chántanse uns radares. Supoño que, cando teñan compensado os orzamentos coa recadación cavilarán en arranxar o problema.
E para que vaiamos atentos, cada pouco tempo mudan as sinais. E o que era a 90 quilómetros pasa a 50 quince días cun radar móbil ao canto e, logo, vai a 70 e pode subir, finalmente, a 80. (Caso real en San Facundo na estrada do Carballiño a Cea). Supoño que realizarán ensaios. Mentres tanto, a caixa aumenta. Hai que ir atentos!
Ou poñen os límites ao chou. Por que na estrada Lugo-Ourense, no tramo da provincia lucense se pode ir a cen, cun firme en moi mal estado, e na de Ourense só a 90, cun pavimento inmellorábel?
Que está máis lonxe, Madrid ou os galegos que pensan en Madrid?.

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar