«O Camiño da tua vida», un documental sobre a Ruta Xacobea

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director do Xacobeo, Rafael Sánchez, asistiron á proxección da película Footprints, el Camino de tu vida, que narra experiencias vinculadas á Ruta Xacobea.

É unha longametraxe documental de aventuras que recolle en 89 minutos a historia real e ao tempo que se produce de once homes moi diferentes que se coñecen días antes de iniciar o Camiño de Santiago, en resposta a un anuncio publicado por un relixioso segundo o que se buscaban persoas dispostas a camiñar 1.000 quilómetros en 40 días.

Os participantes viaxaron a España dende Arizona e, unha vez aquí, percorreron a Ruta do Norte para chegar a Compostela. O filme recolle como esta experiencia consigue unir a un grupo de persoas que, a priori, non tiñan nada en común.

O organizador do evento foi quen contactou coa produtora Infinito+1, que aceptou o reto de gravar a peregrinación e levala á gran pantalla, baixo a dirección de Juan Manuel Cotelo, a tan só tres semanas de iniciar a Ruta. Parte da recadación que se consiga con esta película irá destinada a axudar a persoas con discapacidade a través da Fundación Infinito.

O filme dará a coñecer, deste xeito, tanto o Camiño de Santiago e os seus valores como a nosa comunidade como destino a nivel internacional.

A película constituirá, así, un gran reclamo e converterase nun importante elemento captador de turismo internacional como o foi no seu día a película The Way ou o best seller de Paulo Coelho El Peregrino.

O Camiño do Norte foi declarado Patrimonio Mundial pola UNESCO en 2015, ano no que recibiu 15.828 dos 262.516 peregrinos que chegaron a Galicia, o que supón un 6,03%, sendo o terceiro itinerario máis frecuentado, despois do francés e do portugués.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar