Santalices anima aos escolares a asumir compromisos sociais de futuro

Pleno Infantil Parlamento de Galicia_3

 

Alumnado de catro centros escolares galegos -CPI Armando Cotarelo Valledor, de Boimorto (A Coruña), do CEIP Casás, de Lugo, do CEIP Plurilingüe de Seixalbo (Ourense), e do CEIP Cerdeiriñas – Piloño, de Vila de Cruces (Pontevedra)- participou hoxe nun Pleno infantil celebrado no Parlamento de Galicia no marco da iniciativa “Deputados por un día”, organizada pola Cámara galega coa colaboración de “Aldeas Infantiles”.

No acto, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, reiterou que a Cámara que preside “mantén intacta a vocación de representar ao conxunto das galegas e galegos coa maior fidelidade posible” e feliciouse pola celebración deste Pleno Infantil. “O Parlamento está encantado de tervos entre nós e de escoitar con atención o moito e interesante que nos podedes aportar”.

Pleno Infantil Parlamento de Galicia_1

 

O alumnado participante nesta edición de “Deputados por un día” centrou os seus traballos na audacia, a prudencia e a toma de decisións, asumindo compromisos relacionados con estas cualidades e procesos.

 

O VALOR DO COMPROMISO

 

Santalices Vieira destacou a importancia do compromiso persoal, cada un na medida das súas posibilidades, para contribuír ao correcto funcionamento da sociedade.

Pleno Infantil Parlamento de Galicia_2

“Precisamos do compromiso do persoal docente e sanitario para ter unha educación e unha sanidade de calidade, pero tamén é necesario o voso compromiso para respectar e seguir as indicacións dos profes”, sinalou dirixíndose aos escolares presentes no Salón de Plenos do Parlamento.

“A vida é, case sempre, unha sucesión de compromisos –dixo-. E cando estes se cumpren asegúrase a boa marcha de case todo. Seguro que os vosos pais e as vosas familias vos piden que vos comprometades a ter un bo comportamento, a estudar, a ser solidarios, a colaborar nas tarefas domésticas, a respectar aos demais”.

“Todos asumimos compromisos. E vós debedes asumilos tamén, estou seguro de que xa o facedes”, agregou o presidente do Parlamento.

O presidente de “Aldeas Infantiles” abriu o acto, ao que tamén asistiron deputados dos diferentes grupos parlamentarios e maila directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar