Feira de Innovación para o emprego en Santiago

Innovación para o emprego_Santiago_provisional_1Durante dúas xornadas (15 e 16 de xuño) o Palacio de Congresos acolle o FIE 2016, a Feira de Innovación para o Emprego, organizada pola Concellería de Desenvolvemento Económico co obxectivo de dotar de ferramentas e recursos 2.0 ás persoas participantes.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, visitaron a Feira e os distintos stands que hai no Palacio de Congresos. A concelleira, dentro do marco do FIE, presentou tamén os premios INDEA, que se convocan dende o Concello co obxectivo de «potenciar ideas colaborativas para o emprego que proveñan do diálogo entre a cidadanía, os axentes económicos e sociais, e a comunidade educativa, en especial da Universidade e a formación profesional».

Este concurso proponse como «desafío a xeración de procesos colaborativos onde diferentes actores sociais territoriais, inicialmente pertencentes a Santiago e actores da USC e Centros de FP, poidan desenvolver dinámicas horizontais de traballo mediante o intercambio de saberes e recursos, propoñendo procesos e ideas ligados aos principios de colaboración e solidariedade, para abordar necesidades e propor solucións a problemas».

Innovación para o emprego_Santiago_provisional_1

 

142 OFERTAS DE EMPREGO

 

O FIE xestiona 142 ofertas de emprego procedentes de 82 empresas ofertantes, que converten a esta Feira nun punto de encontro entre compañías e profesionais que buscan un posto de traballo, ademais de contar con recursos para moverse con idoneidade nas redes sociais e coas novas ferramentas de busca de emprego. Ademais houbo máis de 3.300 inscricións nas ofertas e máis de 900 currículos enviados.

Durante os dous días de celebración do foro hai máis de 700 inscritos nas actividades formativas e máis de 1.000 nos cursos previos levados a cabo, relacionados coas novas tecnoloxías e a marca dixital na busca de emprego, vía e-learning e webinar.

 

OBRADOIROS DE PORTAIS DE EMPREGO

A clave pasa por aprender novos trucos para encontrar traballo e familiarizarse cos portais de emprego de maneira eficaz, afinando as candidaturas e economizando o tempo. Para iso traballarase con Infojobs e Infoempleo.

Tamén se utilizarán outras plataformas, como Womenalia, a primeira rede mundial de mulleres profesionais, ou BeBee, unha nova rede social de networking que nun só ano de vida xa ten conseguido máis de 10 millóns de usuarios e usuarias a nivel mundial.

As persoas participantes poderán participar ademais de varios talleres prácticos de Pinterest, Google +, Instagram, Linkedin, Twitter ou Facebook, co obxectivo de aproveitar os recursos que ofrecen estas plataformas. O networking profesional virtual é unha ferramenta potente na busca de emprego. Das novas ferramentas tecnolóxicas, Twitter é unha das máis potentes, pero tamén das máis descoñecidas no ámbito laboral.
Haberá obradoiros de emprego de diversas plataformas como re.vu ou visualize.me para facer un CV infográfico e atopar traballo grazas á creación dunha marca persoal dunha forma entretida e atractiva.

Tamén se prepararon talleres para aprender a empregar Vimeo e Youtube para posicionar o CV. O Vídeo Curriculum é o novo modelo de curriculum vitae. Non substitúe ao antigo pero complementa e fai destacar do resto dos candidatos a un traballo. Finalmente, haberá un obradoiro para que as persoas con discapacidade poidan usar as TIC para a busca de emprego.

Outra das propostas é formación teórica e práctica sobre oratoria, imaxe persoal, así como xestión de redes e recursos audiovisuais para o emprego. Así, partindo dos coñecementos adquiridos nos cursos formativos, as persoas participantes poderán dar a coñecer o seu perfil profesional ante empresarios/as, prescriptores/as e expertos/as en recursos humanos que estarán presentes no Foro. É preciso inscribirse nesta actividade, que conta cun número limitado de prazas (60), a través da web da Axencia.

Marta Lois destacou que «o FIE promete ser un espazo de aprendizaxe e de coñecemento e recoñecemento de distintos soportes, portais e ferramentas para que as persoas demandantes de emprego poidan atoparse coas ofertas que máis se axustan ao seu perfil».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar