Aquí non pasa nada

Galiza navega nun mar en calma, aparente, cara a súa eutanasia. Algúns historiadores falan de cando mandaron cortar as nosas oliveiras, Ourense era a segunda produtora de aceita na península, ou cando nos prohibiron a produción de cítricos, como momentos claves do noso declive económico.
Desmantelamento do noso tecido produtivo nos últimos oito anos non ten parangón con ningunha etapa histórica, nin sequera cando a entrada na CEE e a reconversión naval, pesqueira e agrícola que puxo en marcha o goberno do PSOE.

Daquelas houbo unha forte r­eacción social nos tres sectores e un goberno autonómico que non só se enfrontou a Madrid, senón que propuxo alternativas, aínda que o vicepresidente Carlos Mella fose obrigado a dimitir e vencese o lacaio de Madrid, B­arreiro Rivas.

Agora non só non hai un Goberno autonómico que se opoña ás desfeitas, senón que é a súa propia política a que incentiva, propicia, axuda, abala…, esta entrega de Galiza aos intereses alleos e alleantes.

A ampliación do capital do Banco Popular en 2.500 millóns de euros foi a penúltima destas catástrofes económicas, aínda que pasase desapercibida e sen que desde o Goberno autonómico ou os partidos políticos lle prestasen atención.

Non só significa a desaparición do último vestixio do noso tecido financeiro, deixando o capital galego no Popular por debaixo do 10 %, senón que pon en risco a sobrevivencia da Fundación Barrié, que xogou un papel importante na cultura galega.

E a conserveira Albo, unha marca de prestixio, pasou a mans chinesas para copiala en Ásia. Como os estaleiros Rodman. Como antes Barreras a mans mexicanas. Pescanova conxelouse a si mesma. Das Caixas…, para que falar xa do que puido ser e non foi.

E os nosos barcos perden caladoiros e as axudas van destinadas ao amarre. E as granxas de vacas pechan cinco cada día… E o leite nos supermercados a 0,20 o litro, moito máis barato ca auga.
Un día Xavier Arzallus explicábame como a perda do banco Bilbao-Vizcaya ou de Iberdrola e as principais empresas estatais, puido levar ás Vascongadas á ruína. «Foi a autonomía, exerci-da plenamente, a que nos permite estar á altura de calquera rexión de Europa».

Núñez Feixóo presume de bo xestor. Eu concordo. Xestiona coma ninguén a súa propia imaxe. Foi quen de pór en valor a súa persoa e que moitos o ve-xan como un político serio e eficaz. Hai que ser bo, moi bo, para poder ocultar a realidade e, aínda, coller fama nas actuais circunstancias.

E chove que non para. Menos mal. A herba a medrar é o pouco que queda de Galiza.

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego