A web do Parlamento abre un espazo de participación cidadá

Parlamentodegaliciapuntogal

A web do Parlamento de Galicia ofrecerá dende Hoxe un espazo de participación cidadá encamiñado a facer efectivas as novas posibilidades contempladas na Lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá.

Á posibilidade de enviar propostas, comentarios e suxestións aos textos lexislativos que se atopan en tramitación na Cámara galega (Lexisla con Nós), sumarase a modalidade de participación popular no control ao Goberno.

Preguntas ao Goberno

A través dun formulario dispoñible nese espazo web, calquera persoa poderá dirixir preguntas ao Parlamento de Galicia co rogo de que sexan formuladas á Xunta de Galicia. As preguntas admitidas anunciaranse no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.

Nun prazo de quince días, contados desde o seguinte ao da súa publicación, os deputados e deputadas poderán asumilas como propias para convertelas en preguntas con resposta escrita ou oral, mencionando a súa orixe, aínda que preservando a identidade da persoa asinante.

Exercer o dereito de petición ante do Parlamento de Galicia será outra das posibilidades que ofreza o novo espazo que se habilitará na web da institución. Deste xeito, calquera persoa poderá exercer o dereito de petición, de xeito individual ou colectivo.

Outras fórmulas de participación

Ademais, a web da Cámara ofrecerá información exhaustiva sobre as restantes fórmulas contempladas na Lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá no Parlamento de Galicia.

Coa entrada en vigor desta lei, Galicia converteuse nunha das comunidades nas que máis doado resulta exercer a iniciativa lexislativa popular. Para presentar ante o Parlamento de Galicia unha proposición de lei de iniciativa popular abonda con esta vaia acompañada de polos menos 10.000 sinaturas (anteriormente requeríanse 15.000).

A Lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá no Parlamento de Galicia tamén contempla o impulso da acción de Goberno a través de proposicións non de lei. Neste caso, calquera persoa coa súa sinatura e a doutras nove, ou calquera persoa xurídica que represente intereses sociais e actúe lexitimamente a través dos seus órganos, poderá promover a presentación de proposicións non de lei ao Parlamento de Galicia.

O número requirido de sinaturas de persoas lexitimadas para subscribir unha proposición non de lei de iniciativa popular é de 2.500. De seren admitidas, estas proposicións non de lei poderán ser asumidas por calquera grupo parlamentario para convertelas en proposición non de lei en pleno ou en comisión. Ao formulalas, deberá mencionarse sempre a súa orixe, aínda que preservando a identidade das persoas asinantes. As proposicións non de lei admitidas pola Mesa e non asumidas por ningún grupo parlamentario decaerán transcorridos quince días tras o seu anuncio no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar