Podemos é amor

«…e que nos queremos…» Así comeza un conto que me narraba o meu avó. O mozo teimaba en casar coa rapariga. O pai dicíalle que agardasen, que non tiñan nin onde caerse mortos. Pero o fillo teimaba: «É tan feita, tan feita que eu, con ollar para ela, xa me manteño». Casar casaron, pero o marido non tardou en pedirlle axuda ao seu pai. «Pero ti non dicías que só con ollar para ela xa te mantiñas, lampantín. Si meu pai, si, pero agora teño tanta fame que non a vexo».

Carolina Bescansa, tenta explicar a crises que atravesa o seu partido, Podemos, repetindo en cinco ocasión en tres minutos de declaracións «…é que nos queremos».

Non vou ser eu quen discuta que o cogoliño que fundou Podemos non se queira ben.

E aínda vou máis alá, penso que foron esas relacións amistosas, das que fachendean todos estes meses, con bicos, apertas e finais de comunicados que teñen máis que ver cunha seita relixiosa que cun partido político, o que botou a andar o partido.

Pero os militantes dun partido non teñen porque quererse. Agrúpanse para defender uns determinados intereses de clase (dígase o que se diga), segundo uns principios ideolóxicos e cuns estatutos que rexen as súas relacións que, por suposto, non están baseados no amor, como predica Pablo Iglesias.

Podemos foi creado por unha especie de fraternidade universitaria que, partindo da análises demoscópica, aproveitou moi ben a conxuntura política da crises, do fin dun ciclo e do desmoroamento do sistema, para lanzar unhas mensaxes que a maior parte da sociedade podía facer súas.

A súa ambición política quedou reflectida nuns estatutos que, agora, a maioría descoñece e outros escandalízanos coma pegas cando ollan o raposo.

A destitución de Sergio Pascual que realiza Pablo Iglesias, non só é totalmente legal e estatutaria, senón que segue un procedemento que, como non eran ilusos, xa previron.

Así, no artigo 25 do Estatutos de Podemos recóllese que é función do Secretario Xeral «asegurar a coherencia estratéxica, a unidade organizativa interna e a coordinación das accións executivas do Consello Cidadán Estatal».

No artigo 27, afírmase que «O Consello de Coordinación é o equipo no que se apoia o Secretario Xeral». O CC, é «elixido polo Consello Cidadán a proposta do Secretario Xeral», sendo o «equipo no que se apoia o Secretario Xeral para realizar as súas tarefas», e os seus membros «poderán ser revocados polo secretario xeral».

Só lles faltou resumir os estatutos en dous artigos: Artigo 1: «en Podemos manda Pablo Iglesias». Artigo 2: «se non está de acordo, remitímolo ao artigo 1».

Si, Pablo Iglesias quéreos, pero mais se quere a si mesmo. Se teñen dúbidas volvan ler os estatutos.

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar