Na loita contra a desigualdade

O marte foi o “Día Internacional da Muller”, declarado por Nacións Unidas, organización que observa días, semanas, anos e décadas sinaladas, cada unha cun tema. Neste mesmo mes de marzo, o 1 foi o “Día contra a discriminación”, o 3, o “Día Mundial da Vida Silvestre”; o día 20, será o “Día Internacional da Felicidade”; o 21, o “Día Internacional da Discriminación Racial”, o “Día Mundial da Poesía”, o “Día Internacional do Novruz”, o “Día Mundial do Síndrome de Down” e o “Día Internacional dos Bosques”, para seguir co “Dia Mundial da Auga” e así ata as 16 celebracións que corresponden a este mes. Non damos feito. No caso de onte, parece que abondaría co sentido común, pero a discriminación e a desigualdade persisten e a súa erradicación ten que ser tarefa de todas e todos, de forma individual e conxuntamente.

A ONU, para o “Día Internacional da Muller”, neste 2016, puxo como tema, “Por un Planeta 50-50 en 2030: Deamos o paso para a igualdade de xénero”. Igualdade para a que fai falta un paso largo e decidido, un paso valente que force a erradicación absoluta de calquera tipo de discriminación, con respecto aos dereitos humanos, sen excepción. Este día debe servir para lembrar que é necesaria a loita diaria contra a desigualdade.

Alguén ten que mandar parar, para que as mulleres non sexan, en ningunha parte do mundo, vítimas dos traficantes, da explotación sexual e laboral, das violacións dos dereitos como persoas, da mutilación de órganos, das privacións e da miseria, de toda miseria humana, incluso da lexislativa. En moitos Estados, hai leis que expresamente discriminan á muller e que a obrigan á obediencia nas súas relacións maritais. Hai leis que teñen que ser abolidas, derrogadas ou suprimidas, para ben da humanidade, para que impere o respecto, o sentidiño e a igualdade en tódolos eidos.

A ONU quere avanzar na consecución dos dezasete Obxectivos de Desenvolvemento Sostible propostos na Axenda 2030 e todos deben (debemos) estar na acción para dar o paso. Os dezasete son importantes, pero o primeiro, “poñer fin á pobreza en tódalas súas formas en todo o mundo”, é primordial. E, non ten menos calado o que fala de garantir oportunidades para unha educación inclusiva, equitativa e de calidade para todos. Observemos, por favor, tódolos días como o “Día da Igualdade e da Liberdade”. Avancemos!

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar