Meteogalicia abre as suas portas aos estudantes dos distintos niveis

Visita a Meteogalicia_escolares

O servizo de predición meteorolóxica da Xunta de Galicia, Meteogalicia, recibirá neste mes de marzo un total de 303 alumnos de diferentes centros de ensino e colectivos de Galicia repartidos en 8 grupos. Na xornada de mañá recibirá a un grupo de 50 alumnos de 5º e 6º de Primaria do CEIP San Xosé Obreiro de Arteixo e na de onte, participaron un grupo de 22 alumnos do mesmo curso do CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, de Santiago de Compostela.

Estas actividades adáptanse e adecúanse ao nivel e intereses do auditorio, de modo que se afonda máis ou menos segundo o devandito nivel. No caso de que os alumnos participantes sexan de Bacharelato tamén se lles explica unha descrición das situacións sinópticas e o seu recoñecemento. Para alumnos de universidade ou outro tipo de grupos explicarase tamén o funcionamento dos modelos meteorolóxicos, a interpretación dos seus resultados e o uso da páxina web de Meteogalicia na que se poderá atopar toda a información que se precisa para realizar a predición. Tamén se deteñen, se é de interese, nun aspecto fundamental da meteoroloxía como é a detección e seguimento de fenómenos meteorolóxicos adversos e fan especial fincapé nas fontes de incerteza que existen no traballo de toma de datos e na posterior predición.

ACTIVIDADES DIVULGATIVAS

 

Estas actividades divulgativas están enfocadas tanto a estudantes de centros de ensinanza, como ás asociacións culturais. Para elo, ademais de incluír visitas ás instalacións de Meteogalicia en San Lázaro, tamén se explican os pasos esenciais que se deben dar para realizar as predicións meteorolóxicas. Na seguinte táboa indícanse por día os centros que participarán nesta actividade formativa.

Meteogalicia recibe alumnos de colexios e institutos dende o seu comezo, hai 15 anos, xa que sempre se considerou unha parte fundamental da meteoroloxía dar a coñecer cómo se fan as predicións e medicións do medio atmosférico. Para máis información sobre o contido das conferencias que se imparten en Meteogalicia hai que consultar o seguinte enlace: http://www.meteogalicia.es/web/formacion/formacionIndex.action.

 

MELLORA DA WEB

Nestes encontros tamén se aproveitará para explicar aos visitantes a optimización levada a cabo na web de Meteogalicia, que consiste na posta en marcha dun sistema de elaboración automática de comentarios na predición a curto prazo específico para cada concello e que xa está dispoñible na páxina: http://www.meteogalicia.es. Este reforzo da información é froito da colaboración entre Meteogalicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) para mellorar a información sobre a predición meteorolóxica dos concellos que se ofrece a través da páxina web.

As notas explicativas ofrecen o prognóstico meteorolóxico e o índice de calidade do aire en cada municipio galego. O comentario xérase de xeito automático a partir da aplicación GALiWheather, empregando para isto técnicas de intelixencia artificial e xeración de linguaxe natural.

 

 

 

 

 

 

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar