Sánchez Izquierdo expón en Valencia que a sua xestión foi anticiparse ao futuro inmediato

Alfonso Sánchez Izquierdo-Cortes Valencians_Parlamento autonómico

 

Directivos da CRTVG interviron na comisión parlamentaria para elaborar a lei que recupere o servizo público audiovisual na Comunidade Valenciana. O director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, foi convocado para expor as características da Corporación de Radio e Televisión de Galicia como caso de estudo nesa comisión, presidida polo deputado Marc Pallarés; mentres que o director de Comunicación, Fernando Ojea, compareceu na súa condición de secretario xeral de Circom Regional, a asociación das televisións rexionais de Europa, para amosar o punto de vista do sector a nivel europeo sobre o caso valenciano.

Sánchez Izquierdo destacou como aspecto clave na xestión realizada na CRTVG durante estes anos saber anticiparse aos elementos de futuro máis inmediatos. O director xeral do ente público galego tamén incidiu no traballo realizado para acadar o equilibrio orzamentario; reducir a litixiosidade laboral, “aínda que isto supuxo un custo de saneamento relevante”; defender a audiencia, sobre todo en formativos e no prime time, e buscar o equilibrio entre produción propia e provedores externos.

O máximo responsable dos medios públicos galegos tamén expuxo nas Cortes Valencianas que, cara ao futuro, traballa para que, máis alá dos medios tradicionais, a CRTVG teña un enfoque multicanal e multiservizo. “A creatividade e innovación deben ser valores dinámicos de renovación do servizo público”, afirmou.

En resposta ás preguntas realizadas polos representantes dos distintos grupos políticos nesta comisión parlamentaria, Sánchez Izquierdo asegurou que non concibe un país sen un sistema de comunicación propio, sinalou a importancia de que as televisións oferten produtos “de valor engadido”, expresou a súa convición de que “os mellores servizos informativos son os das televisións públicas”, manifestou que o endebedamento pode ser para estes operadores “unha ferramenta útil sempre que se utilice de forma razoable e en curtos períodos de tempo” e, por último, no terreo laboral, avogou por “traballadores polivalentes que incorporen unha gran rotación nas súas funcións”.

TELEVISIÓN REXIONAL MOI PRESENTE EN EUROPA

 

Pola súa parte, o secretario xeral de Circom, Fernando R. Ojea, sinalou na seguinte comparecencia que “a radio televisión pública rexional non é unha anomalía a nivel europeo, senón que está moi presente”, ata o punto de que Circom ten presenza en 33 países de Europa e representa unhas 250 estacións onde traballan 10.000 xornalistas. Os modelos de servizo público rexional, engadiu, “son moi variados en función de circunstancias culturais, lingüísticas e da configuración territorial dos estados”.

Ojea sinalou como as tres prioridades de Circom a busca dun xornalismo forte, a promoción da vida cultural e o fomento do crecemento rexional, ademais de referirse ao notable traballo de intercambio de experiencias e coñecemento que leva a cabo esta asociación e de sinalar como unha das súas fortalezas as múltiples actividades de formación que pon a disposición dos seus socios.

En relación ao peche da radiotelevisión pública valenciana, indicou que para este colectivo supuxo un punto de inflexión, pois nese momento, e tras o precedente de Grecia, entendeuse que Circom debía adoptar unha liña de traballo máis activa na procura do recoñecemento do servizo público rexional nas institucións e nas normativas europeas, e así o está a facer desde entón. Circom, dixo Ojea, entende que este tipo de medios públicos “poñen en valor a cultura rexional e o desenvolvemento económico neses territorios, ao tempo que realzan a identidade e protexen o uso de linguas”. Por este motivo, engadiu, “Circom desexa que a Comunidade Valenciana atope unha solución sustentable para que os cidadadáns volvan recibir ese servizo e ofrece os seus coñecementos por se poden ser de utilidade”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar