O Concello amplía a oferta de actividades saudables do programa Ourense Xove

O Concello de Ourense amplía un 30% a oferta de actividades de lecer para mozos e mozas do programa Ociourense Xove 2016 coa finalidade de chegar a 1.500 participantes dende marzo ata maio. Este ano o Concello une a dúas Concellerías: Sanidade e Xuventude neste programa co obxectivo de sumar sinerxias para acadar os mellores resultados. Concretamente, Ociourense Xove 2016 incrementa un 30% (de 17 a 22) as actividades programadas. Con elas, o Concello prevé aumentar un 25% o número de participantes, pasando dos 1.200 do ano pasado a 1.500 nesta nova edición. O orzamento medra tamén, un 15% e pasa de 60.000 a 69.000 euros.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, a concelleira de Sanidade e Xuventude, Sofía Godoy, as técnicas Paz Villar e Eva Pérez e o coordinador César Fernández, presentaron en rolda de prensa a a programación, que pón á disposición de mozos e mozas de Ourense un total de 22 actividades: deportivas, teatro, baile, xogos, cinema… que se desenvolverán dende o venres, 4 de marzo. Será ata a última fin de semana de maio, cando se realizarán as tres derradeiras actividades: Rol en vivo, Andaina sen tabaco e a Festa da Xuventude.

 

O programa está organizado polo Concello de Ourense coa colaboración do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. Colaboran a DGT e Cine Clube Padre Feijóo.

As actividades están dirixidas a mozos e mozas de entre 15 e 30 anos e prevé chegar este ano ata 1.500 participantes. As persoas interesadas poden inscribirse desde mañá, martes, 16 de febreiro, a través da páxina web ociourense@ociourense.es, ou solicitar máis información nas concellerías de Sanidade, na rúa Concordia, 20, 988 510622, e Xuventude, na Praza de San Martiño, 988 388154.

Os prazos de inscrición abriranse 15 días antes data do comezo de cada un dos tres bloques de actividades en que se divide a programación (logo abriranse 15 días antes dos días 4 de marzo, 8 de abril e 6 de maio).

 

Novidosas propostas

 

O programa de OciOurense Xove 2016 incorpora novidades como os obradoiros de técnicas básicas DJ, Masters do Xadrez, o de banda deseñada Cómiqueando e o de conversa en idiomas Té das 5.

Dá continuidade tamén a propostas desenvolvidades con grande éxito en anteriores edición, como BTT, Escalada, Parkour, Piragüismo, Foto en ruta, A bailar, Globoflexia, Buceo, Xogos de sempre, Camiñar na noite, bados de Cine, Iniciación á Maxia, Cócteles sen alcohol, Caza Foto.

As actividades realizaranse en diferentes escenarios, como Espazo Lusquiños, Aula de Saúde, Parque Miño, central de Velle, Campo da feira, Aula de cociña, a cidade vella ou cafeterías, no caso do “Té té das 5”.

O programa ten un orzamento de 69.000 euros, dos que o Ministerio de Sanidade achega 42.000 mediante a convocatoria de axudas aos concellos para o desenvolvemento de programas de prevención de drogodependencias con cargo ao Fondo de Bens comisados por tráfico de drogas e outros delitos relacionados. A Concellería de Saúde achega 18.000 e Xuventude 9.000 euros.

 

Os obxectivos son:

 

– Fomentar estilos de vida positivos e saudables

– Incidir na redución da demanda e uso de drogas

– Promover alternativas de lecer lúdicas, participativas e de relación

– Instalar pautas de lecer que fomenten o desenvolvemento e a creatividade

– Fomentar a utilización de recursos de espazos púbñicos da cidade para un lecer activo e positivo

– Sensibilizar no valor da equidade entre xéneros

 

bados de Cine

 

Coa colaboración do Cine Clube Padre Feijoo, desenvolverase actividade “bados de cine”, con 6 proxeccións de películas, gratuitas, no Espazo Lusquiños (Avda. de Marín, 16) ás 17.00 horas

 

 

5 MARZO 2016: BEGIN AGAIN de John Carney (EUA, 2013) 104 min.

 

A paixón pola música leva a Gretta (Keira Knightley) e a Dav (Adam Levine), noivos desde o instituto, ata Nova York. Pero cando el, unha vez alcanzado o éxito e a fama, abandónaa, ela quédase completamente abatida. Unha noite, un productor de discos (Mark Ruffalo) recentemente despedido, vea actuar nun bar de Manhattan e queda cativado polo seu talento.

 

19 MARZO 2016 PUSSY RIOT: UNHA PREGARIA PUNK -Pokazatelnyy protsess: Istoriya Pussy Riot- de Mike Lerner, Maxim Pozdorovkin (Rusia, 2013) 90 min.

Tres rapazas que forman parte do grupo musical Pussy Riot enfróntanse a unha condena de 7 anos nunha prisión rusa por unha actuación satírica nunha catedral de Moscú. Premio especial do xurado do Festival de Sundance 2013

 

9 ABRIL 2016 LOVE & MERCY de Bill Pohlad (EUA, 2014) 121 min.

Biopic sobre o músico e compositor Brian Wilson*, fundador dos Beach Boys, sobre a súa influencia na música, e os seus problemas nervosos que propiciaron a súa relación co controvertido terapeuta Dr. Eugene Landy.

 

23 ABRIL 2016 PINK FLOYD: THE WALL (PINK FLOYD: O MURO) de Alan Parker (RU, 1982) 99 min.

Pink, o cantante dun grupo musical, arrastra desde a súa infancia unha serie de traumas debido á dura educación que recibiu. Cansado de todo o que rodea a súa profesión, acábase refuxiando nas drogas como única opción para romper co muro que el mesmo creou ao seu ao redor.

 

7 MAIO 2016 WHIPLASH de Damien Chazelle (EUA, 2014) 103 min.

O obxectivo de Andrew Neiman (Miles Teller), un mozo e ambicioso baterista de jazz, é triunfar no elitista Conservatorio de Música da Costa Este. Marcado polo fracaso da carreira literaria do seu pai, alberga soños de grandeza. Cando o profesor (J.K. Simmons) coñecido polo seu talento e polos seus rigorosos métodos de ensino a fronte do conxunto de jazz do Conservatorio, elixe a Andrew para formar parte do grupo, a vida do mozo cambiará. Gañadora de 3 Premios oscar en 2014: Mellor actor de reparto (J.K. Simmons), montaxe e son

 

21 MAIO 2016 RENT de Chris Columbus (EUA, 2005) 135min.

Basado nun exitoso musical de Broadway, “Rent” é unha ópera rock galardoado con 4 Premios Tony e cuxo libreto recibiu o Pulitzer en 1996.. Narra a historia dun grupo de mozos bohemios que tratan de abrirse camiño na vida no día a día do barrio de East Village, en Nova York, mentres soportan os obstáculos da pobreza, a enfermidade e a epidemia da SIDA.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar