Constituído en Lugo o Goberno municipal infantil

Lara Méndez_Concello municipal infantil_Lugo

Este luns, 15 de febreiro, ás 12:00 horas quedou constituído o IX Goberno Municipal Infantil, en presenza de diversos membros da Corporación Local. Os 25 rapaces tomaron posesión e xuraron o cargo nun acto presidido pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, quen lles explicou a importancia de visibilizar o papel das administracións públicas, “entendendo que as administracións públicas somos todos”. A rexedora agradeceu a implicación e o compromiso que amosou a corporación infantil, así como as súas propostas en positivo pensadas no ben dos cidadáns. Neste senso, a Alcaldesa, quen manifestou a súa satisfación pola composición, tras catro anos, dun Goberno Infantil, “un exercicio que se debe manter no tempo”, destacou o compromiso do Concello cos nenos e nenas da cidade, “posto que sodes o noso futuro”.

O IX Goberno Infantil Municipal componse de 7 áreas de traballo: Economía, Medio  Rural e Deportes, Cultura, Benestar Social, Desenvolvemento Económico, Concello e Cidadanía e Educación.

Os centros educativos participantes na iniciativa son os colexios de Illa Verde, Anexa, Rosalía de Castro e Menéndez Pelayo.

Corporación

Os membros destes Goberno Infantil son:

Alcalde: Lucas Mosquera Deán (Illa Verde)

Concelleiros: do CEIP Illa Verde, Marcos Pedreira Díaz, Sergio Prieto Lago, Laura Sánchez Rivas, Brais Vázquez Bande, Yago Souto Barcia e María Rodríguez  López. Do CEIP Anexa, Helena Burón Espiñeira, Jorge González Cociña, Marina Salgado Testa, Mauro Sanfiz Janeiro e Natalia Sanz Valadé. Do centro de Rosalía de Castro, os concelleiros son Irene Garrote Prado, Antón Leivas López, Iker Sánchez Piñeiro, Antonio Sánchez Vázquez, Luis Villasante Fernández e Marcos Lombardía López. Por último, do CEIP Menéndez Pelayo, os representantes municipais son Yeray Fernández Álvarez, Iago García Hernández, Paula Orozco Díaz, José Manuel Castro Lugilde e Carla Blanco Rodríguez.

Mesa de idade

O acto da constitución da nova corporación infantil comezou coa formación da Mesa de Idade, integrada polas concelleiras electas de maior idade, Aldara García Gómez, que actuou como Presidenta da Mesa, e a de menor idade, Nerea González Lams, como secretaria.

Discurso de investidura do Alcalde

Mosquera Deán puxo en valor no seu discurso de investidura o patrimonio histórico de Lugo, así como o cinto verde da cidade, as súas instalacións deportivas e as festas do Arde Lvcvs e San Froilán.

Segundo o novo Alcalde do  Goberno Infantil, a Lugo aínda lle queda por facer no eido do emprego, na construción de carrís bici ou no regulamento do tráfico, polo que o Goberno Infantil traballará na elaboración dunha ruta de autobuses e trens que chegue ao extrarradio da cidade, na mellora nas comunicación entre a cidade co rural, ou en fomentar o comercio local.

Entre as propostas deste Goberno tamén figura promover campañas para a prevención do abuso escolar e campañas de concienciación contra a violencia de xénero e o maltrato infantil, así como melloras no eido urbanístico, habilitar espazos con xogos infantís nos barrios da cidade e promover a utilización do galego na cartelería de todos os negocios públicos.

Ao rematar o discurso, o Alcalde e os Concelleiros asinaron no libro de ouro.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar