A Xunta e a industria da alimentación avalían como impular o sector

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, mantiveron xuntanzas co director xeral da Federación Española de Industrias da Alimentación e Bebidas (FIAB), Mauricio García de Quevedo.

Os primeiros encontros institucionais do Goberno galego con esta entidade, que engloba a máis de 40 asociacións do primeiro sector industrial de España por facturación, serviron para avaliar vías de cooperación e estratexias conxuntas para impulsar este sector estratéxico para Galicia. Segundo os datos de FIAB, forman parte da industria de alimentación e bebidas de Galicia aglutinada na Federación preto de 2.300 empresas, que empregan a preto de 30.000 persoas que que en 2014 tiveron unha cifra de negocio de preto de 7.800 millóns de euros.

Na xuntanza con Francisco Conde o conselleiro subliñou a importancia en Galicia da industria agroalimentaria, que se configura como un referente a nivel nacional e contribúe ao tirón exportador da economía galega. Así mesmo, lembrou a oportunidade que supoñen para as empresas do sector tanto a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 como a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3).

Esta folla de ruta da innovación galega, que ten entre os seus retos o posicionamento de Galicia como rexión líder do sur de Europa na innovación para a mellora da calidade de vida e para unha alimentación máis saudable e segura, aposta de forma decidida polo desenvolvemento de novos produtos e servizos alimentarios.

Do mesmo xeito, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria subliñou o importante peso da alimentación e as bebidas na marca Galicia Calidade, que achega valor engadido a un total de 55 empresas e máis de 350 produtos certificados de diferentes sectores.

 

SEGURIDADE ALIMENTARIA

 

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, mantivo tamén unha xuntanza co director da FIAB na que ambas entidades acordaron traballar de maneira conxunta en materias como a promoción da saúde e a seguridade alimentaria.
Neste sentido, a Consellería e a Federación redactarán un convenio de colaboración para a promoción de estilos de vida saudables nos eidos da nutrición e a alimentación. A sinatura deste acordo enmárcase dentro das políticas de pactos cos sectores de producción, distribución e minoristas propias das administracións sanitarias.
Fomento da industria agroalimentaria galega
Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, trasladou aos responsables desta Federación o compromiso da Xunta a prol deste eido produtivo. Esta aposta plásmase, segundo lles explicou a conselleira, en diferentes liñas de actuación destinadas ao fomento da industria agroalimentaria galega. Entre elas, mencionou as axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios que, só para este ano 2016, contan cun orzamento de 14,3 millóns de euros.

Estas achegas teñen por finalidade incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios.

A maiores, Ángeles Vázquez lembrou o apoio do Goberno galego aos consellos reguladores de produtos de calidade, que se pon de manifesto de maneira especial co impulso a diferentes accións de promoción destas producións nos eidos galego, nacional e internacional.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar