Mellora dos servizos de Protección Civil con novas embarcacións de salvamento

Alfonso Ruea_Combarro_medios Protección Civil

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega hoxe en Combarro de oito embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate para os servizos de Protección Civil de outras tantas entidades locais de Pontevedra e Ourense.

Segundo destacou Alfonso Rueda, o equipamento entregado hoxe forma parte dun ambicioso plan de mellora dos medios materiais dos que dispón a Comunidade Autónoma de Galicia e que permitirá mellorar a eficacia das actuacións na prevención de riscos e nas intervencións de emerxencias.

O acto contou tamén coa participación do delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís e do director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor.

En concreto hoxe entregáronse cinco embarcacións de catro metros de eslora aos concellos de Caldas de Reis, Poio, Redondela, Vilagarcía e á Mancomunidade do Val Miñor; e outras tres de cinco metros para A Guarda, Sanxenxo e Castrelo de Miño. Este material supón un investimento de máis de 88.000 euros.

A Xunta de Galicia leva destinados nos últimos meses máis de catro millóns de euros para reforzar con medios materiais as agrupacións de Protección Civil alí onde máis o necesitan. En total, foron entregados xa máis de 60 todoterreos, 40 furgóns, máis de medio cento de remolques e máis de 30 esparexedores de sal, entre outro material. A todo isto hai que sumar as 13 lanchas de salvamento entregadas o pasado mércores a concellos da Coruña e Lugo e as oito postas a disposición das entidades locais de Pontevedra e Ourense hoxe.

O vicepresidente subliñou que a aposta polo voluntariado e pola atención ás emerxencias do Goberno galego se complementa coa atención á seguridade, xa que tamén se dotou ás Policías Locais de Galicia con novo material, como os 28 coches e as 15 motocicletas que se entregaron nos pasados días aos axentes de varios concellos da Coruña e Lugo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar