Santiago dispón da primeira unidade de España de oncoloxía de precisión

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que a unidade mixta de investigación en oncoloxía de precisión que vén de crearse no hospital de Santiago é a primeira deste tipo que existe en España. É tamén a primeira colaboración desta índole que realiza a farmacéutica Roche Pharma a nivel mundial. Este dobre carácter pioneiro levou ao presidente a afirmar que é “un modelo a imitar por todos”.

Feijoo oncoloxicoNeste acto, Feijóo, acompañado polos conselleiros de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou que a apertura en Galicia deste centro sen precedentes non é froito da casualidade, senón que, grazas ao autogoberno, Galicia creou novas oportunidades e consagrouse como “un lugar idóneo para a investigar, innovar e desenvolverse».

O titular da Xunta lembrou que, grazas á cooperación do sector empresarial coa administración, lográronse poñer en marcha xa 19 unidades mixtas de investigación en apenas un ano en Galicia, consolidándose así un modelo de éxito que xerou 70 millóns de euros en inversións e 270 postos de traballo.

A mellora no diagnóstico, o tratamento, a avaliación e a monitorización do cancro de mama e próstata é un obxectivo que hoxe está moito máis preto coa nova unidade mixta de Santiago, froito da colaboración entre a Fundación Ramón Domínguez, o Grupo de Oncoloxía do Hospital Universitario e a farmacéutica Roche Pharma.

“A dita unidade mixta está integrada por dous grandes grupos, que funcionan como un só para acadar o obxectivo común —explicou Feijóo—. A participación de médicos, oncólogos e persoal de distintas disciplinas asegura que os criterios clínicos estean na base do proxecto, mentres que a participación de Roche posibilita a súa efectiva transferencia en tecnoloxías e produtos con aplicación clínica que axudarán a mellorar as expectativas de vida dos pacientes”.

 

NOVA CONVOCATORIA

 

O xefe do Executivo galego puxo de relevo que Galicia ten as contas públicas ordenadas e “iso en Europa conta” á hora de captar fondos para poñer en marcha importantes proxectos coma este. Os 1.625 millóns de euros que se obtiveron dentro da Estratexia de Especialización Intelixente RIS3 concrétanse nas 17 unidades mixtas de investigación e nas que se vaian crear nun futuro.

Neste senso, Feijóo anunciou que nos próximos meses volverá convocarse unha nova liña de axudas para poñer en marcha novas unidades mixtas, nas que se mobilizarán máis de 16 millóns de euros, que se sumarán aos 22 millóns que xa se mobilizaron nas unidades que xa existen.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar