«Merenda no Gaiás», hoxe na Cidade da Cultura

 Merenda no Gaiás

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida  hoxe, martes,  a unha ‘Merenda no Gaiás’ con tres ingredientes: degustación dos mellores produtos galegos, música e teatro. A partir das 16 horas, o Museo Centro Gaiás abrirá as súas portas para que grandes e pequenos gocen cos mellores produtos galegos e poidan facerse con eles no Mercado de Nadal organizado para eles. Ademais, todos os participantes recibirán unha merenda saudable composta por froita e doces.

A partir das 17 horas será a quenda do humor grazas ao ‘Cocido sinfónico’ de Os Tres Tenedores, unha divertida peza teatral na que tres vagabundos se converten en cociñeiro, camareiro e xefe de cociña e amosarán a súa peculiar forma de elaborar un menú. E do teatro á música grazas a Odaiko Percusión que, a partir das 18:30 horas, subirá ao escenario para deleitarnos co seu virtuosismo e conseguir facer música con calquera obxecto en ‘Cocido viaxeiro’.

Á ‘Merenda de Nadal’ asistirá o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, que entre ambos os dous espectáculos será o encargado de entregar os premios do concurso de postais ‘Imaxina o teu Nadal no Gaiás’. Ademais de asistir á merenda, os seis gañadores recibirán un agasallo e un lote de libros.

As entradas para a ‘Merenda de Nadal’ xa están á venda a un prezo de 5 euros no Museo Centro Gaiás e www.ataquilla.com (+ gastos de xestión). Este evento conta con ofertas especiais que se poden consultar en www.cidadedacultura.gal.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar