Non me fío do Cumio de París

Non se poden negar os estragos que o ser humano está a facer nesta bola azul que anda a dar voltas polo universo, que a deterioran, á par que a fan máis habitábel. Os cambios avanzan a un ritmo cada vez máis acelerado. A contaminación ambiental repercute nas persoas, pero tamén nos cultivos e nos medios de vida de millóns de seres humanos. Un dos efectos máis graves do denominado cambio climático son as fames que estragan e devastan grandes extensións do planeta.

Pero non existen cimeiras dos xefes de Estado para pórlle fin a esta lacra que ten un remedio máis fácil e cunha incidencia directa nese cambio climático que nos venden como o cuarto xinete da apocalipse.

Eu non podo crer que 150 xefes de Estado, eles, que acumulan armas de destrución masiva e outras grandes ameazas letais, se reúnan en París dispostos a salvar o mundo.

O cambio climático é moito máis igualitario que as fames. Un aféctanos a todos, o outro só os desherdados da fortuna. Só con alixeirar a explotación do terceiro mundo reduciríase de xeito directo a contaminación.

Un habitante dos países ricos emite 38 veces máis contaminación que un dos países pobres. Ao prohibirlles esa equiparación, o que tratan é de coutar o desenvolvemento económico, sobre todo industrial, dos países en expansión. Existe unha débeda ecolóxica que os estados ricos non queren pagar.

Chámenme mal pensado pero, igual que sucedeu coa tecnoloxía nuclear, que só se permite ter e fabricar a uns cantos estados, agora asistimos tamén a un intento de impor unha nova distribución económica usando o cambio climático como escusa.

Que empresas son as propietarias das patentes, a fabricación e a comercialización das novas tecnoloxías? As mesmas que pagan a cimeira de París.

A ecoloxía, con todo o que a rodea, convértese nunha moda, pero, sobre todo, nun grande negocio. Non, non pensan no local para modificar o global, que sería o ecoloxismo verdadeiro. Só potenciando a agricultura de proximidade a polución se reduciría nun 20%.

Están dispostos a matar de fame e a explotar a medio planeta e queren salvar o mundo… Sexamos claros, a fin do mundo chega todos os días para moitos pola súa culpa. Quen está disposto a mudar o sistema?

En París non están a salvar a terra, senón a discutir un novo modelo enerxético, sen combustíbeis fósiles, que teñen data de caducidade, e unha nova distribución de cultivos. Non están a velar polos intereses da humanidade, senón a deseñar unha nova orde mundial onde manden e se lucren os mesmos.

 

Afonso Eiré é xornalista colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar