Xornada de portas abertas nos oito buques de OTAN amarrados en Vigo

Buques OTAN porto de Vigo

   A Agrupación Permanente de Medidas contraminas número 1 da Organización do Tratado do Atlántico Norte (NATO, polas súas siglas en inglés), composta por oito buques e uns 400 tripulantes, abrirá as súas portas ao público durante a fin de semana no Porto de Vigo, onde atracaron este venres tras unha participar nunha misión antiminas no Mediterráneo.

O presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, recibiu este venres á Agrupación que, segundo dixo aos medios de comunicación, utiliza «equipos moi sofisticados» que lle permite detectar minas no fondo do mar, así como «calquera cousa que poida ser unha ameaza, e retiralas».

Tal e como manifestou, hai outro grupo de iguais características na zona do Estreito, ademais doutros dous grupos que empregan «fragatas e buques de maior porte», onde todos eles traballan para detectar «calquera perigo que poida vir do mar».

O comandante da Mariña Real dos Países Baixos, Peter Bergen Henegouwen, ao mando desta Agrupación dende o 22 de xaneiro deste ano, en declaracións a Europa Press, explicou que o seu grupo, aínda que normalmente traballa en augas do norte como o Mar do Norte e o Mar Báltico, recalou en Vigo ao finalizar un exercicio en augas do Mar Mediterráneo ao sur de España.

Sobre este exercicio, indicou que foi «o máis grande» organizado pola OTAN dende 2002 e contou cuns 36.000 militares dos exércitos de terra, mar e aire. Segundo dixo, serviu para «mostrar a capacidade da OTAN para traballar xuntos ante calquera posible crise ou ameaza».

A forza está composta polo buque ‘Godetia’ (Bélxica), que actúa como buque insignia da agrupación, o ‘Admiral Cowan’ (Estonia), o ‘Grimsby’ (Gran Bretaña), o ‘Hinnoy’ (Noruega), o ‘Talivaldis’ (Letonia), o ‘Bad Rappenau’ ( Alemaña), o ‘Schiedam’ (Países Baixos) e o Lobelia’ (Bélxica). Estes barcos poderán visitarse o sábado e domingo entre as 14,00 e as 16,00 horas.

VISITA A VIGO

Esta previsto que os buques, que están en camiño de regreso aos seus portos de orixe, abandonen o Porto de Vigo o luns, tras o que farán novos exercicios a próxima semana nas proximidades da costa francesa. Despois prevese que os barcos volvan á casa para que os tripulantes poidan estar alí a tempo antes de Nadal. Posteriormente o grupo volverá reunirse.

O comandante Bergen Henegouwen recoñeceu que neste momento non hai «ningún barco español» na Agrupación, pero destacou que hai tripulantes, entre eles o seu xefe de persoal, que son españois. «Así que España está a contribuír ao grupo», subliñou.

En canto á súa parada en Vigo, o comandante sinalou que como parte da viaxe de volta «querían ver un pouco máis de España» antes de cruzar o Golfo de Vizcaya e gozar do seu «bo tempo». «20 graos é moito mellor que de onde proveñen todos estes barcos», remarcou.

En relación á súa visita, López Veiga pediu ao comandante que esta «non sexa a última vez»: «Temos que afacernos a que son nosas propias forzas armadas», comentou, antes de eloxiar o seu traballo de «vixilancia continua», que «parece que non fai falta pero si fai moita falta».

«Afixémonos a vivir nun mundo onde non tivemos problemas en Europa por moitas xeracións, pero o mundo estase a facer moi complicado e o terrorismo barato, se se deixa facer é moi eficaz, solo abonda con que a alguén se lle ocorra», apuntou, antes de reparar en que a existencia destes grupos da OTAN fai «máis complicado que se lle ocorra» atentar a alguén.

NEUTRALIZAR AMEAZAS

Bergen Henegouwen ratificou a Europa Press que esta Agrupación está concibida para asegurar que todos os portos permanezan abertos: «A maioría das economías dependen do tráfico por mar, e o mar dá a posibilidade bastante doadamente de bloquear a entrada aos portos, pero este grupo está dispoñible inmediatamente para neutralizar a ameaza de minas se están aí».

Segundo recordou, esta Agrupación, que existe dende 1973 e que se sente «moi orgulloso» de comandar, participou no pasado en misións reais como na limpeza de campos de minas no norte do Golfo Pérsico tras a Guerra de Iraq e nunha operación antiminas preto da costa de Libia.

Ao ser cuestionado por se se teme que poidan haber situacións de perigo, dixo que «non neste momento» –razón pola que poden regresar aos seus portos de orixe–, se ben recoñeceu que «ver minas é posible e poden ser usadas», pois aínda que son «difíciles de utilizar de modo correcto» non son «armas moi caras».

Sobre iso, dixo que o problema que presentan as minas no mar é que «son moi difíciles de atopar» e indicou que cada barco da súa flota «ten certas capacidades» e dispositivos. «Necesitamos as diferentes técnicas dos distintos barcos para atopar toda as minas. Sempre tratamos de traballar xuntos porque reduce máis os riscos de minas e permite facer as augas o máis seguras posible», explicou.

«Con sorte non seremos usados nunca máis, pero nunca se sabe, e nós estamos preparados», concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar