Seis mil linguas


 Daquela, na década dos setenta, os rapaces aldeáns das escolas unitarias tiñamos que xogar ao rescátoche o pau ou á billarda en español. Tarefa difícil. Un desastre! Non podiamos dicir nada, deberiamos xogar co dicionario na man e ler o que malamente sabiamos ler. O español era o idioma importante, o que non entendiamos, era a lingua dos que máis podían, dos que mandaban nos outros, dos ricos de pel branquiña coidada. A nosa, e a dos pais labregos que sabían o que lles ensinaran na escola do ferrado, era o galego, lingua materna e mais paterna.

Andando o tempo, démonos conta de que eramos bilingües desde nenos. E iso do bilingüismo real é unha riqueza grande, que pouco ou nada ten que ver co bilingüismo que defenden os que só queren falar un idioma, o que pretenden impoñer.

Actualmente, 217 millóns de persoas falan portugués e 470 millóns teñen ao español como lingua materna, a segunda lingua materna a nivel mundial, despois do chino mandarín. Os galegos, pois, estamos nunha situación de privilexio a nivel lingüístico, temos con quen falar e a quen podemos escoitar. O informe 2015 do Instituto Cervantes indica que os usuarios potenciais do español no mundo, contando aos nativos, ao grupo de competencia limitada e a todos os do grupo de aprendices de español como lingua estranxeira, achéganse aos 559 millóns.

A humanidade enténdese falando e para facelo conta cunhas 6.500
linguas diferentes. O galego e o es-pañol son das máis importantes.
O español está, xunto co chino, inglés, hindi e árabe, entre as cinco máis faladas do mundo, con 21 países que son de lingua hispana e con moitos outros nos que, sen ser lingua oficial, falan español 46 millóns de persoas. O galego, segundo a RAG, ocupa o lugar 23 das 150 linguas europeas e é «a segunda lingua europea máis falada entre as non oficiais en ningún estado».

«O falar non ten cancelas», dicía a Tía Manuela, e para defender e apoiar unha lingua, débense acometer accións de estudo e investigación, de promoción, de afianzamento, de revalorización e de uso da mesma, con absoluta normalidade, en tódolos ámbitos e en tódolos espazos, co micrófono aberto e despois de pechalo, sen dar tregua á hipocrisía. Se temos linguas e temos que dicir, adiante!

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar