Feijóo atribúe a recuperación económica a ter adoptado as medidas axeitadas

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que esta etapa de recuperación económica que afrontamos é consecuencia de ter adoptado as medidas e o rumbo que a situación demandaba. Así o manifestou durante a súa intervención na X Xornada Banco Sabadell de Negocio Internacional.

O mandatario galego sinalou que a Administración, o sector industrial e as entidades financeiras traballaron conxuntamente nos últimos anos, “como elos dunha mesma cadea” para xerar o que se coñece como un “ecosistema facilitador”, un sistema de oportunidades para as empresas do noso país.

Nese senso, destacou que cada vez son máis os indicadores económicos que ratifican ese esforzo conxunto. Así, resaltou que Galicia acumula sete semestres seguidos de crecemento, situándose no 1,8%, que a demanda interna na Comunidade creceu un 2,3% no segundo trimestre, ou que a inversión das empresas aumentou un 7,2%, o mellor dato desde o ano 2007. Feijóo, tamén incidiu nas boas cifras acadadas en termos de facturación e exportación, nun momento no que, tal e como subliñou, as exportacións rexistradas ata agosto son un 4,5% superiores ás rexistradas no mesmo período do ano anterior.

Datos que, tal e como asegurou o presidente da Xunta, nos fan pensar que imos camiño de pechar un novo ano de récord histórico no que a estas operacións comerciais se refire. E que, tal e como proseguiu, demostran que a empresa galega perdeu o medo a vender no estranxeiro, “porque sabe que non o fai soa, ao seu carácter emprendedor súmanse toda unha serie de ferramentas de apoio que o Goberno galego e as entidades financeiras puxeron ao seu alcance”.

Por parte da Xunta, dixo, establecéronse toda unha serie de medidas para favorecer o camiño ao exterior das nosas pemes, a través da Estratexia de internacionalización da empresa galega 2020. Axudas que permitiron xa que 433 proxectos empresariais fosen aprobados e que permitiron mobilizar inversións por valor de 21 millóns de euros, especialmente no sector do contract, engadiu. De feito na actualidade o número de empresas galegas exportadoras creceu un 28,5% desde 2009, superando a barreira das 6.000.

A ADMINISTRACIÓN E O SECTOR FINANCEIRO, COAS PEMES

Feijóo asegurou que non só a Administración estivo ao lado das pemes, tamén o sector financeiro, que está achegando novas gamas de produtos e servizos para ofrecerlles solucións á medida e facilitarlles o acceso ao crédito. “Non me cabe dúbida de que nesta nova etapa tamén estará a carón da Marca Galicia para darlle a proxección que se merece”, sinalou.

O titular da Xunta, asegurou tamén que o Banco Sabadell deu notables mostras de compromiso con Galicia e que agora só cabe pedirlle que siga sendo un axente activo para contribuír a transformar o actual crecemento económico en máis emprego e expansión da industria. “Fortalecendo o tecido empresarial abrimos as portas á inversión estranxeira”, asegurou.

Finalmente, o presidente da Xunta salientou que Galicia é a terceira comunidade na que é máis sinxelo construír unha peme porque se suprimiron gran parte das barreiras burocráticas e asegurou que o gran reto ao que se enfronta o tecido empresarial neste momento pasa por saber adaptarse ao novo marco loxístico e tecnolóxico, a industria 4.0. “Aí é onde estaremos as administracións e as entidades financeiras, xunto coas Cámaras de comercio, os clústers e as asociacións empresariais”, dixo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar