A TVG foi a canle que máis medrou en audiencia en outubro

Control central_Continuidade TVG.es

A programación de outono-inverno posta en marcha pola Televisión de Galicia está a ser avaliada polos espectadores galegos, tal e como o pon de manifesto o último informe mensual de audiencias que elabora a empresa de audimetría Kantar Media. Segundo este documento, a TVG foi a canle que máis medrou en audiencia en Galicia neste mes de outubro que acaba de rematar.

O incremento de seguimento obtívose tanto no conxunto do día, cun 9,7% de cota de pantalla, coma no ‘prime time’ ou faixa máis importante do día, en que acadou un 10,5% de ‘share’, un punto máis que no mes de setembro.

Esta mellora produciuse cada día da semana, tamén no ‘total día’ coma no ‘prime time’. Dentro deste crecemento, cómpre salientar a subida de cota de pantalla na práctica totalidade dos espazos informativos da TVG, con aumentos máximos de 2,2 puntos no caso do “Galicia Noticias Serán”.

Entre o conxunto de canles que forman parte de Forta -Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicas- e no conxunto do mes, a canle pública galega superou en 2 puntos de cota a media das televisións que integran a federación. No ‘prime time’, a TVG aumentou esta distancia respecto de Forta en 2,9 puntos de ‘share’. Tamén con relación a Forta, a canle pública galega situouse na terceira posición, por diante da canle andaluza, vasca, canaria, asturiana ou da balear, entre outras.

No caso da segunda canle da Galega, a tvG2, acadou unha cota de pantalla o pasado mes de 0,7%, tanto no conxunto do día coma na faixa de ‘prime time’.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar