Táboa rasa

Morreu cando xa estaba morta de dor, de pena e de aflición. Varios estudos, entre eles os da Sociedade Americana do Cancro, din que os homes son máis propensos a sufrir esta doenza que as mulleres, pero a amiga tocoulle e alá vai. Está apousentada onde moran, en igualdade de condicións, tódalas células mortas, sexan normais ou de vida e crecemento desordenado; onde xa non hai benigno e maligno, onde non hai nada. Non hai nin quen explique a ausencia. Alí, onde os ricos e os pobres soportan as mesmas inclemencias, son exactamente o mesmo. Fronte ao cancro e a morte, prezados lectores, táboa rasa.

As células exocrinas conviven coas endocrinas nese estadio ao que milleiros de persoas chegan nun santiamén, antes ou despois, todas elas, homes e mulleres, en por igual. Máis homes ca mulleres tiñan cancro de páncreas e a culpa era parcialmente do tabaco. Agora as mulleres tamén fuman ben, agrandando o risco de inmediato sufrimento. Por qué? A vida é así inexplicable, tan inexplicable como a morte, aínda que no dicir da escritora chilena Isabel Allende, unha persoa morre só cando a esquecen.

Din que o corpo humano é como outra máquina das deseñada pola enxeñaría, é un complexo feito pola bioloxía, con tecidos distintos e integrado cada un deles por células maioritariamente normais, pero que de cando en vez transfórmanse noutras invasoras aloucadas, que medran, efectivamente, como a herba mala, dando lugar á formación de tumores, que se multiplican velozmente e esténdense polos distintos órganos de corpo, aos que van roendo para deixar do home, unicamente, a alma.

Para que a alma e o corpo aguanten xuntos, é importante coidar aos amigos, coidar a alimentación e procurar manter a bascula engraxada, a zapatilla lixeira e a boca pechada. Os xenes de cada persoa inflúen, obviamente, no risco de cancro, pero, os factores non hereditarios, segundo os investigadores, teñen un peso enorme, polo tanto, parece recomendable evitar o consumo do tabaco, non engordar e realizar algún tipo de actividade física tódolos días de tódolos anos, polos séculos dos séculos, amén!

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar