Hai futuro no sector lácteo?

Os gandeiros que protagonizaron estas semanas as tractoradas mudaron tanto coma os seus tractores. Pasaron da pucha á gorra americana con propaganda das multinacionais. Unha parte deixou de ser labregos para converterse en empresarios. De vivir ao lado das granxas a ter piso nas vilas. De estar todo o día amarrados ao gando a traballar con empregados e tentar dirixir a empresa vía teléfono móbil.

Modernizaron tanto as explotacións, con muxidoras, robots para a alimentación, etc., que o medio rural está quedando baleiro, o ambiente degradado e sobreexplotado e unha paisaxe arrasada polas paleadoras para facer prados que pasan da herba ao millo sen deixar descansar a terra.

Contrariamente ao que se afirma, a maioría destas granxas son tan rendíbeis como as francesas ou dinamarquesas se comparamos traballador/vaca, pero os nosos gandeiros están menos endebedados. Aínda así, estes días, falando cos folguistas, puidemos comprobar que reina entre eles un sentimento de dor e re-bancha, mesmo contra os sindicatos que non contan co sector
á hora de tomar decisións.

Enxergan como a súa modernización sen precedentes en Euro-pa, seguindo as imposicións da UE e o Estado español, non só
non se ve compensada na aspiración de poder vivir dignamente,senón que ollan como se lles lisca o futuro cuns prezos por debaixo dos custes de produción.

Certo que a conxuntura internacional é, tamén, causante destes prezos, ao existir maior produción cá demanda no mercado, aínda que a FAO anunciase que era necesario dobrar a produción láctea antes do ano 2050. Pero isto non explica como pagan menos o leite na Galiza que en Castela, por exemplo.

Os EEUU estableceron un sistema de axudas aos produtores para compensalos pola falta de rendemento das explotacións se os prezos fixos baixan.

A UE tamén tiña un sistema semellante, pero non só o desregu-lou senón que situou a cuantía de compra de excedentes por debaixo da lumieira da rendibilidade.

O desregulamento do sector é para toda Europa, pero a diferenza de Galiza é que aquí non só non existe unha verdadeira política agraria, dirixíndonos cara a un monocultivo lácteo suicida, senón que esa falta de política se acrecenta coa deixación de función por parte da Xunta nunhas competencias que lle son exclusivas.

Así, Núñez Feijóo e o PP, en vez de tentar arranxar o problema, puxeron en marcha unha estratexia para minimizar o custe electoral (presenza de alcaldes nas manifestacións) e logo traballo arreo para dividir o sector activando aos mesmos elementos que carrexan os votos nas eleccións.

E que non digan que non poden facer máis. Non só se goberna con decretos e leis, existe a intermediación e a presión.

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar