O Parlamento europeo recoñece a función dos medios públicos rexionais no mantemento das linguas

 TVG_Circom_Parlamento Europeo

 Os medios públicos rexionais europeos agrupados en Circom Regional presentáronse no Parlamento Europeo para expoñer que desenvolven un papel chave para a continuidade das  linguas rexionais, como o galego.

Nunha comparecencia celebrada en Estrasburgo diante do Intergrupo para Minorías e Linguas Minorizadas, o presidente de Circom, Jean-Marc Dubois, xunto co director de Comunicación da CRTVG, Fernando R. Ojea, e a representante de Polonia, Anna Dyda, sinalaron a necesidade de recoñecemento e visibilidade dos medios públicos rexionais no actual escenario mediático porque achegan os contidos máis próximos, pero tamén achegan diversidade e pluralidade de culturas e linguas.

Durante preto de hora e media, os representantes desta asociación expuxeron as características de Circom, que abrangue 10.000 xornalistas de 33 países que traballan en 250 emisoras, e atenderon preguntas, nunha sesión presidida e moderada polos deputados Jordi Sebastiá e Izaskun Bilbao Barandica, respectivamente.

A IMPORTANCIA DO SERVIZO PÚBLICO

Os eurodeputados coincidiron en valorar a importancia do servizo público que presta este colectivo de televisións e radios públicas rexionais e sinalaron que merecen un lugar na axenda europea, xa que hoxe non están recollidos no corpo normativo da UE.

Na súa intervención, o presidente de Circom sinalou que “somos a voz das persoas sobre o terreo. Sen nós non habería voz para as rexións no panorama audiovisual, porque as grandes televisións nacionais non se ocupan das cuestión rexionais”.

Pola súa parte, Fernando R. Ojea explicou o papel que xogaron as televisións autonómicas españolas para a construcción dunha identidade común, para desenvolver a cultura e para que linguas como o galego acadasen prestixio, normalización e recoñecemento. “Somos os que estamos máis preto da xente e representamos o espírito da democracia europea, ligado á diversidade e á pluralidade”, dixo o representante da CRTVG e responsable de Comunicación de Circom.

Os retos actuais, engadiu Ojea, “teñen que ver non só coa adaptación destes medios rexionais ás circunstancias económicas e tecnolóxicas, senón tamén, de maneira crecente, con favorecer a súa accesibilidade tanto no espectro de frecuencias como nas novas plataformas dixitais, nas que as televisións rexionais tamén deben ser fáciles de atopar para os cidadáns”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar