Pola unión e o consenso

«Galegos que me escoitades…!

Enxergando as múltiples iniciativas a prol dunha candidatura galega que lle dea voz de seu a Galiza nas Cortes do Estado na próxima lexislatura, un non ten menos que concluír que esa necesidade ten un amplo consenso entre os «obxectivamente interesados».

Son esperanzadoras as reunións, os manifestos, as xuntanzas e até os xuntoiros que se veñen producindo nos últimos meses. Mesmo que as organizacións existentes dean protagonismo á cidadanía e a novos suxeitos políticos que se podan conformar.

Ninguén dubida da necesidade de que esa unión sexa o máis ampla posíbel a fin de que abrangue e integre a canta máis cidadanía mellor.

Os intereses da inmensa maioría da sociedade galega deben de estar representados no Congreso e no Senado pois estamos a falar da defensa dos intereses nacionais, pero, tamén, dos dereitos nacionais e populares, ambos xunguidos de xeito indivisíbel.

Así pois, o debate non se pode situar nunha cuestión de clase como algúns quixeran.

Esta defensa dos intereses nacionais nunhas Cortes que van ter que reformular a fondo o Estado Español, leva implícito que a candidatura galega non teña ningún tipo de dependencia ou obediencia allea aos intereses galegos, pois subvertería a propia esencia e necesidade desta candidatura.

Xa que logo, os principios e os mecanismos de actuación e de tomas de decisións deben ser claros e públicos desde un primeiro momento.

Agora ben, hai que ser conscientes de que esta lexislatura nin vai ser unha etapa final, nin vai pechar un proceso de reformulación do Estado, nin os intereses de Galiza van quedar ad aeternum respaldados.

Unha verdadeira candidatura de unidade ten que servir para que en Galiza aumente a conciencia colectiva e para darlle un pulo organizativo, uns suxeitos sociais e políticos, uns instrumentos útiles para defender mellor e con máis forza os seus intereses, dentro e fora, no camiño da autodeterminación.

Nunca se produciron avances na sociedade con exponteneismos e sen unhas verdadeiras organizacións, polo que non son consecuentes nin pertinentes os intentos de aniquilación política ás organizacións preexistentes nin os protagonismos para salvar historias persoais ou conseguir vitorias fratricidas.

Unha última reflexión: os lideres de verdade non agardan polas enquisas para tomar posturas, lideran á xente para que tome posicións.

Remato coma Curros: «Galegos que me escoitades(…)/hoxe de aquí non saídes/sen facer as amistades…/pido, a todo o que me escoite, a unión/ que é a vida das almas».

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar