O Festival ribadaviense «Arteficial» fai a sua presentación en Ourense

Rosendo_Deputación Ourense_presentación Arteficial

A novena edición do Festival «Arteficial», que terá lugar en Ribadavia o vindeiro sábado, 5 de setembro, presentouse hoxe na sala de xuntas do Pazo Provincial da Deputación de Ourense, acto no que estivo presente o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o asesor de Cultura da Deputación, César Fernández; o presidente da asociación Arteficial, Manuel Araújo, e Claudio Vázquez, membro da asociación.

A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa que ten como obxectivo «dinamizar a actividade cultural provincial», declarou durante a presentación o vicepresidente do ente provincial. «Este festival –afirmou Rosendo Fernández- de novo formato, que terá lugar no casco histórico de Ribadavia, fai unha fusión perfecta do que é cultura e patrimonio arquitectónico».

Esta nova edición de «Arteficial» trae consigo varias innovacións como é o escenario no que se van a desenvolver as actividades que estarán divididas en dous espazos: o interior da Capela da Madalena, onde se desenvolverán os concertos de música acústica, e para a versión máis electrónica do festival adaptouse o exterior da capela. Os cambios de localización do festival en cada edición son para «revalorizar os espazos do municipio de Ribadavia», asegurou Manuel Araújo.

Outra das novidades deste ano é que as actividades desenvolveranse en horario diúrno, o sábado, 5 de setembro, de 12.30 ás 22.30 horas, e as entradas para os asistentes serán gratuítas. O público terá a oportunidade de degustar os distintos pratos gastronómicos que os stands alí presentes ofertarán.

As actuacións musicais do evento correrán a cargo dos grupos Trilitrate, Músculo!, Diola, Avecrem, A Jigsaw, Cova, Ainara Legardon, Puma Pumku e a orquestra Pánico. Ademais dos concertos musicais, o festival conta na súa programación con actividades paralelas como o mercado das sementes ou a exposición de foto oficial que acolle unha mostra de fotografías de diferentes autores, todas elas referidas á temática social.

César Fernández destacou o longo percorrido deste festival: «É un evento que podemos considerar senlleiro dentro do calendario de festivais da provincia de Ourense» e engadiu que ten xa «unha traxectoria consolidada e importante, pois fixo que por Ribadavia pasaran grupos da escena independente española e con un nome xa recoñecido».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar