Todo disposto para a Feira do Xamón da Cañiza, hoxe

Nava Castro turismo_presentación Festa-feira do xamón na Cañiza

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e mais o alcalde da Cañiza, Miguel Domínguez, presentaron na Cañiza a XLIX Edición da Feira do Xamón.

A Feira do Xamón da Cañiza conta coa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia desde 2013. Desde entón, esta festa é unha referencia imprescindible no calendario gastronómico galego xa que esta distinción incrementou a repercusión e a sona dunha cita que ano tras ano supera as súas expectativas.

Así, hoxe A Cañiza acollerá a 49 edición deste festexo que este ano inclúe como novidade o Certame de Cortadores Amateurs de Xamón que se suma á segunda edición do mesmo certame para profesionais. Deste modo, todo o xamón servido na feira córtase a man no recinto feiral da Carballeira do Cacharado.

Esta festa ten o gran atractivo de exaltar un produto de gran calidade que caracteriza esta zona, dado que o seu clima, a situación xeográfica e a temperatura propician as condicións idóneas para producir o mellor xamón da nosa comunidade.

Durante o acto de presentación, a directora de Turismo de Galicia resaltou o traballo da organización, promoción e difusión desta cita gastronómica que cada ano consegue que o xamón sega a ser o mellor embaixador desta terra. Ademais, Nava Castro destacou a gran oportunidade que supón a Feira do Xamón para a difusión dos recursos turísticos e patrimoniais do territorio entre os que destaca a Virxe da Nosa Señora da Franqueira, unha das tallas mariana máis antigas de Galicia.

Neste senso, a directora de Turismo comentou que a actuación no contorno e santuario da Franqueira serve para a posta en valor cultural e turístico deste templo ao tempo que se promove a imaxe e a cultura galega. “A mellora da sinalización e recuperación de diferentes enclaves turísticos, a mellora de accesos e servizos, así como a urbanización do entorno da igrexa son elementos prioritarios para enaltecer o valor patrimonial e histórico que posúe este lugar” explicou.

 

RECLAMO TURÍSTICO

 

Entre as fortalezas identificadas polo Plan Integral de Turismo de Galicia figura a gran variedade e calidade dos produtos enogastronómicos de Galicia como elementos que constitúen vantaxes competitivas e diferenciais a respecto doutros destinos.

Nava Castro explicou que a enogastronomía adopta un papel moi destacado nas accións relacionadas coa oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos, buscando a desestacionalización e os novos públicos.

“A conxunción entre o patrimonio industrial e a industria viva, unido á enogastronomía, o mar ou a artesanía son outras opcións para o desenvolvemento e promoción de produtos turísticos”, afirmou Nava Castro. A directora continuou explicando que tamén se está a traballar no desenvolvemento e promoción do produto transversal do turismo enogastronómico en coordinación con Galicia Calidade e no fortalecemento e dinamización das adegas e viticultores das Rutas dos Viños de Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar