Galicia consolídase no Festival Intercéltico de Lorient

Rosa Cedrón en Lorient_por Antonio Prado
Rosa Cedrón. Foto Antonio Prado

As propostas galegas participantes no Festival Interceltique de Lorient convencen ó público bretón con calidade e sentimento.

Xa sabíamos que a Delegación Galega do Festival Interceltique de Lorient chegaba con forza e así o amosou nas primeiras xornadas do festival. Radio Cos foron os encargados de abrir a parte musical con concertos o sábado e domingo no Pazo de Congresos e Espazo da Bretaña respectivamente nos que deron unha escolma do seu primeiro traballo discográfico. O grupo liderado por Quique Peón e Xurxo Fernández animou e o público rematou cantando con eles os retrousos máis populares da música galega.

Talabarte era un grupo descoñecido na Bretaña, pero de seguro que non será a última chegada a estas terras. Música intimista entre o folk e o jazz que puxo o Gran Teatro a revosar de emocións o pasado luns, foi a confirmación de que a música non ten que ter un idioma no tocante ó sentimento. O mesmo lle pasou a Rosa Cedrón onte nese espazo, a coruñesa entrou con forza e o aforo estaba totalmente comprometido con ela, facía anos que non visitaba o festival e xa estimaban a súa sempre deliciosa voz.

A banda de gaitas de Barbude (A Estrada) e o grupo de baile Trébede (Marín) seguen colleitando éxitos nas súas actuacións. Ás máis de 70.000 persoas que os viron na Grande Parade súmanse os visitando cada noite o estadio do Lorient FC para gozar das Nuits Interceltiques, un gran espectáculo de máis de tres horas de duración onde Galicia está moi ben representada.

 

Radio Cos por Antonio Prado_Festival Intercéltico de Lorient_2
Radio Cos. Foto Antonio Prado.

No certame MacCrimmon de gaita os galegos deron o nivel e quedaron segundo e terceiro. O segundo posto foi para Javier Vázquez e o terceiro para Xesús Rodríguez, quedando constancia do gran nivel da gaita galega. Ademais Edelmiro Fernández e Alberto Coya participaron onte na gala de 30º aniversario do certame xunto con gaiteiros da talla de Fred Morrison e Patrick Molard.

Talabarte terán unha nova actuación hoxe mércores ó mediodía, pola noite será o turno do dúo Pedro Pascual & Edelmiro Fernández e mañá o de Carlos Núñez. O gaiteiro galego rematou as entradas para o seu concerto coa Orquestre Sinfonique de Bretagne e a Bagad Lorient hai semanas, o que garante un ambiente único para desfrutar do seu espectáculo.

Fotos: Cartafol Google Drive – Deben ir asinadas por Antonio Prado. Información: www.festival-interceltique.bzh

Contacto: comunicacion.galiciafil@gmail.com

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar