Máis de cen participantes no campamento urbano Amencer visitan a Deputación de Ourense

Rosendo Fernández_Deputación Ourense salón de plenos_visita campamento urbano Amencer

Na sala de plenos do Pazo Provincial da Deputación de Ourense, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, acompañado polo asesor de cultura da Deputación, César Fernández e o asesor de deportes da institución provincial, Bernardino González, recibiron esta mañá aos participantes nas actividades que desenvolve o campamento urbano de Amencer.

Máis de 100 asistentes, entre rapaces e rapazas xunto cos seus monitores, tiveron a oportunidade de coñecer o funcionamento da institución provincial.

Rosendo Fernández, deulles a benvida aos asistentes e explicoulles algunhas cuestións relativas o desenvolvemento do goberno provincial tales como a maneira de constitución e as cuestións que no salón de plenos se tratan. Tal e como explicou o vicepresidente da Deputación de Ourense, «a provincia de Ourense ten 92 Concellos,e todos eles, agás Ourense, teñen menos de 20.000 habitantes, por iso precisan un goberno que lles preste servizos como: a recollida de lixo, ciclo hidráulico, vías e obras e demais necesidades que vaian xurdindo. Por iso, é unha corporación válida e necesaria, que fai de intermediaria entre os Concellos e a Xunta de Galicia».

Nesa mesma liña de benvidas, César Fernández engadiu que a Deputación de Ourense é «a casa de todos os ourensáns, e como tal, estades na vosa casa», manifestou aos participantes do campamento urbano.

Durante a recepción, o representante do campamento urbano de Amencer fíxolle entrega ao vicepresidente da Deputación de Ourense dun diploma e dunha camiseta do campamento. Pola súa banda, a institución provincial tamén lle facía entrega a cada un dos nenos e nenas alí presentes do libro «A grande aventura do libro contada por el mesmo» como recordo desta visita á Deputación de Ourense.

Ao final do acto, os rapaces e rapazas coñeceron de primeira man cal é a labor dos representantes provinciais no salón de plenos, de feito, eles foron os protagonistas dun pleno no que presentaron as súas propias mocións para levalas a debate. Ocuparon os postos dos Deputados e da mesa Presidencial do salón de plenos do ente provincial para tratar as cuestións do campamento pero, previamente, Bernardino González, quixo recordarlles que «é moi difícil tomar decisións e posiblemente non estares de acordo en moitas cuestións, pero tomaredes as decisións tendo en conta a maioría».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar