Entra en servizo o Fogar Dixital Asistencial, prolongación do hospital

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o Fogar Dixital asistencial permitirá converter os fogares galegos en prolongacións dos centros sanitarios e dos centros sociais a través da tecnoloxía.

“Trátase, sen dúbida, dun sistema que terá importantes beneficios, toda vez que minimizará o número de ingresos en centros hospitalarios e residencias de asistidos; permitirá aos profesionais sanitarios facer de forma remota e continua un seguimento tanto do estado do paciente como da eficacia dos tratamentos; e, sobre todo, garante que os pacientes e os seus coidadores poidan manter a súa vida contía no fogar, conservando a súa calidade de vida e evitando continuos desprazamentos aos centros sanitarios”, precisou.

Durante o acto de presentación desta iniciativa, no que tivo lugar un simulacro no que se probaron os dispositivos nun paciente simulado, Feijóo afirmou que o Fogar Dixital comezará a funcionar o antes posible nunha primeira fase, desde o punto de vista sanitario máis estritamente, dirixíndose especialmente aos pacientes crónicos.

Con este obxectivo, no próximo mes de setembro desenvolverase o proxecto piloto para comprobar sobre a realidade o seu funcionamento, coa monitoraxe de 500 pacientes crónicos de tres patoloxías: insuficiencia cardíaca, diabete e enfermidade pulmonar obstrutiva crónica.

Así mesmo, nunha segunda fase e desde o punto de vista social, este sistema estenderase a persoas que queiran ser atendidas na súa casa en lugar de ter que desprazarse a unha residencia ou a un centro de día.

20 MILLÓNS PARA MODERNIZAR OS SERVIZOS

Logo de incidir en que o Fogar Dixital garantirá que os servizos públicos poidan ser accesibles para os cidadáns desde o propio fogar, Feijóo lembrou que, dentro do reto de conseguir unha única canle de atención sociosanitaria e que esta sexa posible dentro do fogar, o Plan Trabe modernizará con 20 millóns de euros os servizos sociais públicos e, a finais deste ano, permitirá implantar o fito máis importante: a historia social única de cada persoa que estea ingresada nunha residencia social, que integrará toda a información social do individuo e que será o paso previo para a futura historia sociosanitaria, “é dicir, unha única historia que aglutine a información social e a información sanitaria”.

Durante a súa intervención, o titular da Xunta incidiu en que a dixitalización dos servizos sanitarios ten un gran impacto para poder dar respostas satisfactorias á realidade demográfica da comunidade –Galicia concentra o 50% dos núcleos de España e o 23% dos galegos teñen máis de 65 anos-. E resaltou que as novas tecnoloxías son un gran aliado no obxectivo de garantir unha atención sociosanitaria máis completa e máis accesible para os cidadáns, e especialmente para os maiores.

“A dixitalización da historia clínica e da imaxe médica para que calquera profesional sanitario de calquera hospital ou centro de saúde acceda a toda a información dos pacientes; o despregamento da receita electrónica no 100% das farmacias; ou proxectos como o Mi Avizor ou a teleasistencia, que permiten que persoas dependentes con certo grao de autonomía sigan residindo no seu fogar…son mostras de que as TIC son unha ferramenta clave para garantir o envellecemento activo e promover a máxima autonomía persoal que sexa posible”, aseverou.

O responsable do Goberno galego lembrou que medidas coma estas permitiron que Galicia teña un protagonismo especial nesta materia a nivel comunitario: “En 2013 a Comisión Europea recoñeceu á nosa comunidade como rexión de referencia para o envellecemento activo”, dixo.