O Goberno central e a Xunta están abertos a modificar o «paquete lácteo»

 

   A conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, afirmou este luns que o Goberno central e a Xunta están abertos a modificar o denominado ‘paquete lácteo’ se fose necesario.

Este paquete, modificado por última vez o pasado febreiro, tradúcese nun conxunto de medidas para reflotar o sector que fixa, por exemplo, que os contratos entre gandeiros e industria teñan unha duración mínima dun ano. Tamén estipula que o contrato obrigatorio é unha «garantía de estabilidade» nas relacións na cadea láctea.

A conselleira incidiu en que «a inmensa maioría dos gandeiros conseguen colocar o leite sen grandes problemas» e recorda que «o lácteo está nun difícil momento a nivel internacional, con exceso de produción e baixos custos, polo que existe unha situación de equilibrio».

Segundo sinalou, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio, que ten previstas reunións esta semana con representantes do sector para seguir avanzando na busca de solucións, tamén asumiu esta postura.

Nesta conxuntura, Quintana tamén prevé manter reunións deste tipo esta semana, respectando a axenda do Ministerio.

Non en van, a titular de Medio Rural reafirmou a súa «confianza» no futuro do sector. «Sempre que sexa capaz de adaptarse ao novo escenario sen cotas, onde todo o mundo pode producir máis,», advertiu.

DEFENSA DO LABOR DA XUNTA

Pola súa banda, o voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, defendeu o labor da Xunta, que «colabora» cos produtores para «conseguir prezos» axeitados.

«Sabemos, porque o acaba de anunciar a Consellería, que se conseguiu que o leite se recollese, unha ameaza que podía prexudicar gravemente aos produtores», exemplificou, antes de sinalar que a Xunta «leva tempo traballando» en medidas para lograr unha mellora nos prezos.

«E que estes non veñan determinados por unha colisión de intereses das grandes multinacionais comercializables», remarcou, para engadir que confía en que as xestións da Xunta, de acordo co sector, permita ao lácteo «sobrepoñerse» desta crise.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar