TVG estrea da última temporada de «Padre Casares»

Selfie Padre Casares_TVG

 

Por fin chegou o momento. Tras oito meses de espera, chegan á Televisión de Galicia os últimos capítulos dunha das series máis míticas da canle autonómica. “Padre Casares” estrea esta noite o primeiro capítulo da temporada 16, que servirá de broche de ouro para a serie.

Así pois, os seguidores de “Padre Casares” poderán ver este verán 14 novos capítulos en que haberá de todo: amores e desamores, conflitos veciñais, pelexas en que o sangue só ás veces chega ao río, celos, envexas, vodas (esperadas e inesperadas), funerais (sempre inoportunos), personaxes novos e rostros de sempre, festas patronais que nunca saen ao gusto de todos e, sobre todo, moitas risas e bos sentimentos.

Esta temporada 16 suporá o peche dunha gran historia. Pasaron xa máis de sete anos desde que se acenderon por primeira vez os focos dos estudios de “Padre Casares”. Neste tempo, a ficción recibiu unha chea de premios, entre eles, dous Mestre Mateo, á mellor serie e á mellor realización. Pero a serie triunfou tamén fóra das nosas fronteiras, ao recibir o premio da ATV á mellor ficción autonómica; o premio Bravo da Conferencia Episcopal Española, polo fomento dos valores humanos; e catro nomeamentos aos Premios Ninfa de Ouro do Festival de Televisión de Montecarlo, o máis importante do mundo.

Ademais, “Padre Casares” contou cunha versión andaluza, “Padre Medina”; e outra balear, “Mossèn Capella”; ambas as coproducións de Voz Audiovisual, produtora da versión orixinal. A serie foi emitida tamén, dobrada ao castelán, por Telemadrid e Castilla-La Mancha Televisión.

Nestes sete anos, os espectadores viron pasar por Santo Antonio de Louredo unha infinidade de personaxes, uns bos e outros non tanto, pero todos entrañables. Ademais, asistirán a vodas, simulacros de voda, bautizos variados, funerais de todo tipo, nacementos e defuncións, en condicións ás veces estrañas; historias de amor e desamor, pelexas e reconciliacións e algún que outro delito.

MONCHA, A MULLER OBXECTO

“De vello, gaiteiro” é o título da primeira entrega desta temporada. Nela, os espectadores verán como hai pouco que Delmiro, alcalde de Louredo, toma anticoagulantes. Nada fóra do normal nun home da súa idade, se non fóra polos efectos secundarios que lle están ocasionando. E é que o primeiro edil anda máis “ledo” do normal e busca o amor carnal da súa esposa, Moncha, con demasiada asiduidade.

A primeira dama, angustiada polo atarefado da súa vida marital, pedirá consello a don Crisanto. Pero tal vez o ancián sacerdote non sexa a persoa máis indicada para axudar a Moncha nesta materia. Partidario de atallar o problema de raíz, o cura aconsellará a administración de bromuro, xa que Crisanto é un clásico ata para isto.

Alleo ás intencións da súa muller, Delmiro descubrirá que certas cousas non funcionan como deberían. Do mesmo xeito que a súa esposa, el tamén buscará consello en alguén próximo e igual de desacertado: Maite, a súa funcionaria de confianza. Que Delmiro e Maite pasen tempo xuntos, mesmo por cuestións “terapéuticas”, non augura nada bo. Os rumores non tardarán en correr como a pólvora por Santo Antonio de Louredo, dando lugar a unha cadea de malentendidos que farán deste capítulo, primeiro desta última etapa, unha antoloxía de grandes momentos.

GALEGOS NO MUNDO

O equipo de “Galegos no Mundo” volve facer as maletas. Desta vez viaxan á cidade das costas, e non estamos a falar de Vigo, senón de San Francisco. Situada na Costa Oeste dos Estados Unidos, a cidade do Golden Gate e onde se atopa a prisión de Alcatraz é a decimo terceira cidade dos EUA en número de habitantes, con case 840.000.

Galegos no Mundo_TVG

Como ocorre en moitas das grandes cidades estadounidenses, San Francisco contén unha alta poboación de inmigrantes, unha taxa que rolda o 40%. Os máis numerosos son os inmigrantes de orixe chinesa, a “Chinatown” desta cidade é un dos barrios chinos máis antigos de toda Norteamérica.

Pero a pesar de que os chinos ocupan a meirande parte do tecido inmigrante, tamén hai unha pequena presenza de comunidade galega que rolda as costas de San Francisco. O informático coruñés Juan Puig é un deles. Aos seus 27 anos xa pasou por Londres, Suecia e Singapur e hai dous anos recaeu en San Francisco para traballar coma deseñador web. Juan viaxará co equipo en barco ata Alcatraz e tamén amosará a súa casa e o seu centro de traballo.

A informática tamén levou o tudense Pablo Álvarez a establecerse na cidade. Da súa man, os espectadores coñecerán o seu lugar de traballo e o famoso barrio de Chinatown. Logo coñecerán a María Reigosa, educadora infantil que con só 22 anos aterrou nesta cidade para estudar e que amosará Twin Peaks e algún dos locais máis singulares do Barrio do Castro.

Como di a canción: “Hai un galego na Lúa, e vén do Ferrol”. Neste caso, o galego vén de Compostela e non está na lúa, senón en Google. Jacobo Tarrío, outro informático, ten o privilexio de traballar nas instalacións que o xigante da internet ten en Sillicon Valley e con el os espectadores da Galega poderán percorrelas. Finalmente, Jacobo Barreiro, músico e especialista en efectos visuais, deseñador de escenarios para “A Guerra das Galaxias”, fará de guía en Alamo Square e o Golden Gate Park.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar