A Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA), actualmente presidida por Angel Martín Vizcaíno, director xeral do ente da Comunidade de Madrid, celebrou este xoves a súa Xunta Xeral en Santiago de Compostela, dentro das reunións que leva a cabo con carácter ordinario.
No encontro, que tivo lugar no Hotel Monumento San Francisco, participaron os directores e directoras xerais dos organismos de radio e televisión autonómicos de Andalucía, Cataluña, Galicia, País Vasco, Canarias, Región de Murcia, Aragón, Principado de Asturias e as Illas Baleares, así como o secretario xeral de FORTA, Enrique Laucirica.
Na Xunta Xeral tratáronse cuestións relativas ao funcionamento da Federación, relacionadas con programación, produción allea e comercialización conxunta, e tamén temas de interese da actualidade que lles afectan aos medios de comunicación públicos.
Os membros da Xunta Xeral expresaron a súa satisfacción polo feito de que a Academia das Ciencias e as Artes da Televisión concedese o pasado martes o seu premio á mellor ficción autonómica á serie “O Faro”, que comezou a producirse a través dun acordo de coprodución entre a maioría das televisións integradas en FORTA.
Ademais, os asistentes foron recibidos polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar