Orozco entende a loita contra a pobreza como acto de xustiza social

 

López Orozco_Rede Galega contra a pobreza

O alcalde, José López Orozco, reuniuse con responsables da Rede Galega contra a Pobreza, entidade que agrupa a 126 asociacións que traballan en Galicia contra a exclusión social. No encontro co Alcalde participaron o director da Rede Galega contra a Pobreza, Xosé Cuns, e a responsable de Participación, Eloína Ingerto.

O alcalde agradeceu o traballo e a forza vital das persoas que forman parte de colectivos como a Rede Galega contra a Pobreza e destacou a necesidade de que as administracións públicas se impliquen para poder acabar con este grave problema social, xa que, nestes momentos, son máis de 670.000 os galegos que sofren a pobreza e están en risco de exclusión social.

López Orozco destacou que esta é a principal prioridade do Concello de Lugo e explicou que “nós temos tomada unha firme decisión política, da que non nos movemos, e defendemos que o máis importante é o orzamento social”. Este compromiso do Goberno local fai que o noso Concello sexa o primeiro de Galicia e estea entre os cinco primeiros de España en investimento para protección social.

Sen embargo, o alcalde deixou claro que “aínda así non nos conformamos, nin o faremos mentres haxa persoas que necesiten da nosa solidariedade e, sobre todo, da xustiza social”.

 

24 POR CENTO EN SITUACIÓN DE POBREZA

Pola súa parte, Xosé Cuns salientou que, segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística, correspondentes a 2013, o 24,3% da poboación vive en situación de pobreza pero danse grandes diferenzas xa que en cidades como Lugo a porcentaxe é do 17,7% mentres que sobe ó 27% en Ferrol ou en Ourense. Por elo, reclamou que se superen as diferenzas en investimento social e explicou que “estamos pedindo algo tan sensato como que todos os concellos galegos dediquen, en 2016, a mesma cifra que dedicaban 123 concellos no ano 2013, é dicir, 110 euros por habitante e ano”.

Tal e como informou Cuns, o Concello de Lugo supera amplamente esa cantidade xa que o noso é o Concello que encabeza o ránking de cidades galegas en materia de  investimento social, con 157 euros por persoa e ano. Pola cola figura a cidade de Pontevedra con 49 euros por persoa e ano.

Xosé Cuns reivindicou compromisos que se traduzan en cartos e declarou que “estamos fartos de medidas para a galería, que duran seis meses, de espasmos sociais, porque a pobreza non se combate con medidas a curto prazo senón con plans a medio e longo prazo”. Reivindicou tamén maior coordinación entre as distintas administracións.

A Rede Galega de loita contra a pobreza e a exclusión social está a desenvolver a campaña “Concellos ó servizo das Persoas”, na que se trata de sensibilizar á opinión público e as administracións locais para que dediquen máis recursos económicos e se comprometan na protección e promoción social co fin de facerlle fronte ó grave problema que supón o aumento das taxas de pobreza e da exclusión social en Galicia.

Entre as entidades agrupadas na Rede Galega contra a Pobreza figuran varias con presenza en Lugo como son Secretariado Xitano, Down Galicia, Cáritas, Autismo Galicia, Cogami, Juan Soñador, Igaxes3, Fagal e Fegadace.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar