A Deputación de Ourense aproba 200 mil euros para á atención a primeira infancia

Pleno Deputación Ourense

O pleno da Deputación de Ourense aprobou hoxe as bases reguladoras do Programa de cooperación “BenOurense infancia” segundo o cal destinará este ano 200.000 euros para puntos de atención á primeira infancia na provincia de Ourense. O plenario aprobou as bases para a concesión de subvencións para o dito programa, achegas que teñen como obxectivo o mantemento das instalacións denominadas Puntos de Atención á Infancia (PAI), establecementos de carácter diúrno e de titularidade municipal situados en concellos de menos de 5.000 habitantes, que teñen como finalidade prestar apoio aos pais, titores e gardadores dos nenos e nenas de entre 3 meses e 3 anos.

As bases tamén contemplan axudas para o servizo complementario municipal que realiza funcións de atención e coidado, fóra da xornada ordinaria dos centros escolares, para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, actuando como soporte e apoio ás familias e contribuíndo así á conciliación da vida laboral e familiar.

Por outra banda, o pleno da Corporación Provincial aprobou tamén hoxe con carácter definitivo o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais 2015, no que o goberno provincial inviste este ano 12.147.000 euros para obras e servizos en todos os concellos da provincia. Pola súa banda, os concellos da provincia de Ourense achegarán un total de 1,6 millóns de euros para a co-financiación do Plan Provincial, que inclúe obras municipais, melloras na rede viaria da Deputación e a atención a concellos en situación de insuficiencia financeira manifesta. En total o importe destinado no exercicio 2015 para o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e estradas (incluíndo o plan complementario) ascende a 13.821.224 euros.

En canto ao orzamento destinado á rede viaria provincial increméntase nun 42 % con respecto do ano 2014 e ascende a 3,5 millóns de euros. Tamén se incrementan os fondos que a Deputación de Ourense destina a cada concello no Plan de Cooperación 2015, correspondendo a cada un deles un total de 50.000 euros, relación na que tamén se inclúe a Entidade Local Menor de Berán. Como novidade figura unha asignación de 3.000 euros para cada concello en concepto de honorarios para a redacción de proxectos técnicos.

Tamén se deu conta no pleno de hoxe do balance de datos económicos de 2014, no que destaca que a Deputación de Ourense presenta o maior remanente de Tesourería da súa historia: 25.052.636 euros, e unha redución de máis de 70 puntos no endebedamento, que pasa do 116 % en 2011 a menos do 40 %, e coa estimación de sitúalo no rango do 34 % no vindeiro mes de maio, cando remate a lexislatura.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar