Ourense convértese en referente das industrias culturais e creativas

Ourense_ICCWeek

Máis información en www.ourenseiccweek.com

O Salón de Actos do Centro Cultural «Marcos Valcárcel» acolle a inauguración da Semana das industrias culturais e creativas «Ourense ICCWeek», un acto que contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e que tivo como relator a Pau Rausell, doutor e profesor titular do Departamento de Economía Aplicada da Universitat de Valencia, quen falou do «Impacto das industrias culturais e creativas nos territorios».

O Ourense ICCWeek reunirá dende hoxe e ata o vindeiro sábado en torno ao ámbito audiovisual a expertos, emprendedores, empresarios e público en xeral. O programa inclúe relatorios, entrevistas, net party, concertos, showcases, rede negocios e master class sobre radio, cinema, TV, industria musical, novas tendencias tecnolóxicas, Apps e vídeo-xogos, que se desenvolverán no Pazo dos Deportes «Paco Pazo» e en diferentes vilas da provincia de Ourense.

Manuel Baltar dixo que o Ourense ICCWeek «é un evento que se vai consolidar nos próximos anos e que fará que Ourense sexa un referente da creatividade, porque este é un territorio esencialmente creativo e poderemos contribuír así a seguir dándolle un pulo cultural e innovador á nosa provincia». Baltar destacou que esta iniciativa «converte a Ourense no centro de referencia das industrias culturais e creativas situándoa na vangarda do audiovisual durante esta semana», e salientou que Ourense ICCWeek «nace cunha visión integral de provincia pois promove e difunde a nosa cultura e riqueza monumental a cal se complementa coas iniciativas de vangarda que se están a dar nos ámbitos tecnolóxico, artístico e audiovisual e que poderán coñecerse no marco desta iniciativa».

Logo do acto inaugural e do relatorio de Pau Rausell tivo lugar o concerto de «The cinematic sound ensemble», maridado cunha cata de viño Ribeiro cortesía do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro.

OURENSE, ÁREA ECONÓMICAMENTE ACTIVA

Os obxectivos deste proxecto son presentar a Ourense como unha área economicamente atractiva e industrialmente ben dotada, con infraestruturas e comunicacións de primeiro nivel, que reivindica o seu espazo na vangarda das novas tendencias profesionais, e atraer expertos de diversos campos tecnolóxicos e marcas de referencia para fidelizar relacións e contactos profesionais.

Tamén se pretende transferir coñecemento a empresarios locais e abrir un espazo de debate en torno a novos negocios, dinamizar os espazos rurais e potenciar o valor das infraestruturas e o acervo cultural da provincia de Ourense.

Xerar canles de comunicación entre emprendedores, empresarios e expertos do sector audiovisual e sensibilizar sobre a importancia das industrias culturais e de entretemento como oportunidades laborais e de negocio son outras das finalidades do «Ourenseiccweek», que terá a Radio 3 como emisora oficial do evento.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES

O amplo programa de actividades que se vai desenvolver nesta semana ata o 28 de marzo abrangue os seguintes apartados:

– ICCWEEK: ao redor de 30 participantes, expertos en diferentes áreas presentarán charlas, cursos ou xornadas de traballo.

– ICCNET PARTY: é o punto de encontro de fanáticos da informática radical, gamers e desenvolvedores. Un espazo de conexión xigante que permite interactuar a centos de participantes con velocidades de rede astronómicas e todo o necesario para unha experiencia virtual extrema.

– ICCEXPO: venres e sábado. Unha feira con máis de 50 empresas do sector audiovisual e de formación especializada en industrias creativas.

– ICCTOUR: unha forma diferente de vivir a experiencia profesional.

– ICCNETWORKING: networking a tarde noite do xoves, unha actuación, charla e reunión cos medios.

– ICCEXPOCONCERT: un concerto para todos os públicos no Pazo dos Deportes «Paco Paz».

Os relatorios e charlas técnicas desenvolveranse en Celanova (Mosteiro de San Salvador), Esgos (Mosteiro de San Pedro de Rocas) e Vilamarín (Pazo de Vilamarín), sendo os temas que se abordarán «A industria da música e os seus axentes», «O marco legal dos dereitos de autor e a propiedade intelectual», «O mundo da vídeo-creación», «Vídeo-xogos e tendencias dixitais», «Os novos retos do audio e a produción musical» e «O futuro do cine visto polos seus protagonistas».

Nos concertos, que se celebrarán o sábado, día 28, no Pazo dos Deportes «Paco Paz» actuarán Electric Feels, Isaac Torgal Dj, Marlango, Aurora & The Betrayers e Wöyza.

As inscricións para participar nas diferentes actividades da «Ourenseiccweek» así como a compra das entradas para os concertos pódense xestionar a través da páxina web: www.ourenseiccweek.com, onde se pode consultar ademais toda a información referida ao evento.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar