Impulso ás enerxías renovables para manter o liderado no sector

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aposta do Goberno galego polo impulso das enerxías renovables orientada a manter o liderado do sector e á creación de emprego e riqueza. E, neste sentido, referiuse ao parque eólico Cordal de Montouto (Aranga- Guitiriz), como a proba de que o sector das renovables en Galicia ten presente e futuro.

Presidente renovables

Durante o acto inaugural, Feijóo salientou que este parque é o primeiro proxecto eólico non experimental nin singular que entra en funcionamento en Galicia desde 2012; e a primeira infraestrutura deste tipo que comeza a operar e que non terá ningún tipo de retribucións adicionais aos ingresos producidos pola venda da enerxía xerada. “Estamos ante a primeira instalación posta en funcionamento que competirá de igual a igual coas tecnoloxías convencionais. Non hai retribucións adicionais, nin subvencións”, abundou.

“Trátase dun parque eólico cuxa superficie abrangue os concellos de Aranga e Guitiriz, que conta cunha potencia de 14 MW e seis aeroxeradores e que producirá enerxía suficiente para subministrar as necesidades de consumo de 12.000 vivendas”, explicou, salientando que este proxecto axudará a dinamizar a actividade económica de ambos os dous concellos.
“Estamos, polo tanto, nunha nova época da enerxía eólica; innovando nunha enerxía eólica sen subvencións, sen primas e sen diñeiro público”, incidiu, logo de recordar que no marco do concurso eólico, a Xunta leva activado unha serie de medidas para renovar o histórico liderado do sector eólico galego no novo escenario enerxético estatal.

Nesta liña, aseverou que hai 11 parques autorizados, o que supón 254 MW e un investimento en curso de 354 millóns de euros. E asegurou que, a través dos plans industriais asociados, as empresas adxudicatarias do concurso mobilizaron 850 millóns de euros e xeraron 1.800 postos de traballo, máis do 50% comprometido ata 2020.

MEDIDAS ECONÓMICAS

Por outra banda, e co obxectivo de que os proxectos viables saian adiante, o responsable autonómico lembrou a aprobación de diferentes medidas fiscais, técnicas e financeiras consensuadas co propio sector para dinamizar os proxectos, entre as que destacou: a aprobación da modificación da lei que permite trasladar a constitución do aval do momento da concesión administrativa ao inicio da construción, o que supón un aforro medio de máis de 23.000 euros por parque; a rebaixa do Imposto de Transmisión Patrimonial do 4% ao 3%; impulso á innovación a través da repotenciación; e facilítase tamén a renuncia total ou parcial de MW.

Logo da activación desta medidas, a eólica segue demostrando a súa rendibilidade, xa que o 83,5% dos megavatios do concurso continúa a súa tramitación, a pesar do cambio de escenario con respecto a 2010. E, ademais, por medio do canon eólico recadáronse xa máis de 114 millóns de euros destinados aos concellos.

Durante a súa intervención, Feijóo resaltou que Galicia: é a terceira Comunidade autónoma con maior potencia eólica instalada; é líder nacional na produción de electricidade mediante enerxía hidráulica, producindo o 25% de toda a electricidade xerada en España por medios hidráulicos; é a segunda produtora de electricidade con tecnoloxía eólica, ao producir o 17,4% do total xerado no conxunto do Estado; e exporta enerxía ao resto do país e a Portugal.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar