Beiras tamén abandoa a cámara galega

O BNG defendeu este mércores ante o pleno da Cámara galega que a Xunta realice todas as actuacións necesarias ante o Goberno central para a transferencia ao Executivo galego das competencias en materia de lexislación laboral, unha cuestión que o Grupo popular rexeitou apoiar.

Durante o debate, deputados da oposición como Juan Fajardo (AGE) e Montse Prado (BNG) fixeron mención ao Día da Clase Obreira, que se celebra cada 10 de marzo en memoria de Daniel e Amador, os dous traballadores de Bazán asasinados a tiros en 1972, sobre os que a deputada nacionalista asegurou que as súas reivindicacións «seguen plenamente vixentes».

A este respecto, o deputado do PPdeG Miguel Tellado defendeu durante a súa toma da palabra que «non é adecuado intentar patrimonializar esta celebración, que é compartida absolutamente por todos». Unha sentenza que provocou que o voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, se erguera do seu escano entre reproches ao popular e abandonara a Cámara galega visiblemente enfadado.

Mentres Beiras percorría a Cámara para abandonala, Miguel Ángel Santalices (PP), que nese momento presidía o pleno, espetoulle: «É mellor que marche». «¡Que pase un bo día!», desexoulle o vicepresidente do Parlamento galego ao voceiro de AGE.

Todo iso, ao tempo que Miguel Tellado clamou que o día 10 de marzo «é patrimonio de todos os demócratas», e recordou que en Ferrol se viviu por iso unha homenaxe institucional o pasado luns. Unhas declaracións que tamén provocaron as críticas dende o seu escano da deputada do Grupo Mixto Consolo Martínez, que foi chamada á orde por segunda vez no día.

Na súa quenda de réplica, Montse Prado recriminou a Miguel Tellado que «no 72 estaban todos en Ferrol, pero uns disparaban e outros morrían», e «uns reivindicaban e outros represaliaban».

TRANSFERENCIA DE COMPENTENCIAS A GALICIA

Así as cousas, o BNG reclamou nunha proposición non de lei «competencias plenas e soberanas» para o Goberno galego co fin de actuar en beneficio da clase traballadora galega. Por iso, demanda unha negociación colectiva propia galega para non seguir dependendo de convenios «estatais» en sectores «moi amplos» que «nada teñen que ver coa realidade de Galicia».

Tras acusar os populares de que «son a España cañí», Prado pediu un marco galego de relacións laborais para evitar que se asinen convenios de empresa «por debaixo dos do sector» e puxo como exemplo a necesidade dun convenio propio para o naval en Galicia.

Todo isto, nunha «situación de precariedade extrema e pobreza que se instala no mundo do traballo» e «co risco de que se converta nun problema estrutural», que considera consecuencia da «brutal reforma laboral», sumada á «represión contra os movementos sociais e clase traballadora».

A isto é une que a metade das persoas que están en desemprego «non cobran ningunha prestación», ademais de que 300.000 asalariados galegos (o 31%) cobra menos do salario mínimo interprofesional. E censura que, mentres tanto, «estes son os datos dos que o presidente presume».

Pola súa banda, a socialista María Quintas sinalou que este é un tema «complexo» que pasa por unha reforma constitucional e do Estatuto de Galicia, pero, en todo caso, critica que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, «renuncia» a exercer as propias competencias galegas que ten en materia de emprego.

Sobre este extremo, Juan Fajardo (AGE) acusou os populares de que deixaron os dereitos dos traballadores «reducidos a mínimos», mentres crece a precariedade laboral e os accidentes de traballo. Por iso, vai a necesidade desta iniciativa para «lexislar para a maioría social e non para aqueles que pagan as facturas do Partido Popular».

A deputada do Grupo Mixto Consuelo Martínez mandou na súa intervención un saúdo «en solidariedade» cos traballadores de Povisa en folga de fame que protestan polos despedimentos de 13 compañeiros. Unha xornada na que portou unha sudadera na que se podía ler: ‘Despedidos, readmisión’, á vez que denunciou que a Xunta «permite que a patronal masacre aos traballadores».

REXEITAMENTO DO PP

Finalmente, o popular Miguel Tellado xustificou o rexeitamento a esta iniciativa presentada polo Bloque en que as competencias en lexislación laboral son «exclusivas do Estado», de forma que non cre que «a mellor forma para saír da crise» sexa que «haxa 17 lexislacións laborais distintas», «unha por cada comunidade autónoma».

Nesta liña, Tellado puxo en valor as políticas de emprego do Partido Popular, e esgrimiu que en Galicia hai 22.500 parados menos que hai un ano, con «16 meses consecutivos de baixadas interanuais». «Non entendemos porque lle molesta tanto á oposición que o paro baixe tanto», reprochou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar