Greza e o IV Reich

A palabra alemá reich significa «imperio». O III Reich, capitaneado por Adolf Hitler, arrasou Greza, espoliando as súas obras de arte, matando a milleiros e desbastando a economía. Nunca lles restituíu nada. Un estudo cifra en 575.000 millóns de dólares, por intereses acumulados, o que debería devolverlle hoxe Alemaña a Greza. Aínda que quedaría toda a débeda helena saldada, nin llos pedirá, nin llos dará.

O 27 de febreiro de 1953 asínase o acordo Londres 1953, polo que se reestrutura a débeda soberana de Alemaña nunhas negociacións cualificadas daquelas como «oportunas, rápidas e xustas». Máis de 200 países acordan cancelarlle aos alemáns a metade da súa débeda, cifrada en 30 millóns de marcos, para que non fose á quebra e «permitirlle o desenvolvemento económico e social». Non só lle perdoaron ao estado alemán, senón a particulares e empresas. Tamén renuncian á reclamación de «reparacións futuras, polas ocupacións e os crimes de guerra». No 1990, aí á volta do século, o chanceler Helmmunt Koohl négase a pagar a débeda que faltaba, pretextando os gastos de reunificación coa RDA.

Dáse a circunstancia que un dos países cos que tiña contraida máis débeda Alemaña daquelas era con Greza. Pero non foi a primeira vez que lle perdoan a Alemaña. No 1930 os estados europeos, entre eles Greza, acordan reducirlle á metade a débeda contraida na Grande Guerra. No 1931 e 1932, os EEUU condónalle a débeda da guerra a Gran Bretaña e a Francia, co trato de que estes lle perdoen a súa a Alemaña. No 1939, Hitler négase a realizar os pagos pendentes e cancélanlle a débeda.

Agora os alemáns non é que lle reclamen a débeda a Greza, que todo o mundo sabe que non vai poder pagala, senón que a ocupan economicamente levando ao seu pobo á ruína e a desesperación. Para que non haxa dúbida desta ocupación, tratan de impoñerlles un goberno monicreque, semellante a aquel francés de Vichy, nestas eleccións con toda clase de arteiradas e ameazas.

Que non se pode negociar a débeda, reestruturala, condonala…

Se alguén non quere afealos diante da historia, pode tamén lembrarlles a Rusia no 1998 ou a Arxentina no 2000 cando se negaron a pagar. Que pasou? Pois que «ofreceron a proba de que unha suspensión unilateral do reembolso da débeda pode ser beneficioso para os países que tomaron esas decisións». Quen di iso? Nin máis nin menos que Joseph Stiglitz, que foi presidente do Consello de Economistas de Bill Clinton, que algo saber sabe.

E para que non quede aí a cousa, constata o economista como logo desa decisión unilateral, «os prestamistas andaban aínda máis agudos a ofrecerlles os préstamos». Si que se pode derrotar ao IV Imperio!

 

Aflonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar