Anova intentará sumarse ás candidaturas cidadás que xurdan en Galicia

Anova-Irmandade Nacionalista acordou dar o seu apoio «decidido» ás candidaturas populares que xurdan en Galicia para as próxima eleccións municipais que terán lugar en maio ao considerar á cidadanía organizada como o auténtico «motor da sociedade».

Malia que Anova «non rexeitará ningunha fórmula xurídica, primando así o proceso de confluencia», non ve conveniente a creación de «agrupacións de electores», senón a «creación de partidos a nivel local para evitar a fragmentación política» e «poder dar a batalla nas Deputacións cunha coalición instrumental».

A formación que lideran Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega pechou este sábado en Vigo a súa Conferencia Política Nacional na que tamén acordou que, «alí onde non se dean candidaturas de unidade cidadá, seguirá apostando por estimular a creación de frontes amplas entre o tecido social e as forzas políticas do espazo de ruptura».
FRONTES AMPLAS

Así, propuxo promover «con urxencia» unha coalición instrumental a nivel nacional entre as forzas políticas máis próximas, co obxectivo de crear unha cobertura «versátil e cómoda» que permita que «nazan e callen» alternativas municipais no ámbito da esquerda alternativa en todos os concellos e así darlles cobertura xurídica.

«Trataríase, en resumo, de crear unha marca común, facilitando un soporte xurídico que poderían empregar todas as candidaturas que o desexen, baixo un programa de mínimos e un código ético», explicou a formación, que deixou claro que as localidades terían «total autonomía para a toma de decisións de selección de candidaturas e elaboración de programas concretos».

Máis alá da súa aposta polas dúas anteriores posibilidades, Anova tamén deu o visto bo para que nos concellos onde non existan candidaturas cidadás nin posibilidade de constituír frontes amplas, a formación poida presentarse ás municipais coas súas propias siglas.

Por outra banda, a Conferencia Política tamén serviu para que a formación definise uns principios éticos e programáticos mínimos, cos que unha comisión dedicada a xestionar o proceso das municipais a nivel nacional definirá un programa marco e un código ético que a militancia de Anova defenderá nos espazos electorais nos que decida participar.

Por último, aproveitando a súa visita a Vigo, os voceiros de Anova, Martiño Noriega e Xosé Manuel Beiras, mantiveron unha reunión con representantes da Asemblea Aberta de Coia para recoller información sobre o conflito xerado no barrio e ofrecer a súa colaboración e apoio.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar