Falar non ten cancelas

Falou o presidente Feixó. Falou. Falou barato.

«… A Galicia que destruía emprego é agora unha Galiza que está comezando a crear emprego…», afirmou no discurso de final do ano. E cando as cifras do último trimestre non lle cadraron, sentenciou sen reparos :»subiu o paro porque moitos se anotaron nas oficinas de emprego para percibir as novas axudas do Goberno».

O señor presidente sabe que non é verdade o que dixo, pero hai lectores que, se cadra, non o saben.

O decreto do goberno dispón que para acollerse á axudas os parado deben de estar «un mínimo de 360 días anotados no paro nos últimos 18 meses». Así que de nada serve apuntarse a última hora.

Pero, ademais, as cifras oficiais son teimudas á hora de desmentir ao presidente: catro de cada 10 persoas que non aparecen como parados, é porque non renovaron, así que non teñen nada que ver con que topasen traballo. Hai 19.145 persoas menos apuntadas nas oficinas de emprego que hai un ano.

Son as cifras da desesperanza. Sen axudas, sen perspectiva de atopar emprego, para que serve estar «apuntado ao paro»?

Semella que a administración acolle este desleixo con facundia. Será casualidade que cando van anunciar as cifras de desempregados sempre haxa problemas para renovar a tarxeta de parado por internet? Galiza está á cabeza das autonomías, pero na destrución de emprego. O desemprego aumentou de xeito consecutivo durante os últimos catro meses e en decembro ese incremento foi o maior de todo o Estado, con 3.286 parados máis, o que eleva a cifra total no 2014 a 251.981 sen traballo.

Increméntase o paro e descende a filiación á Seguridade Social. En decembro decreceu o número en 2.178 persoas. Todo co contrario que no conxunto de Estado. Agora só están 926.482 persoas afiliadas.

Tamén baixa o número de persoas que cobran algún tipo de prestación. No mes de novembro había 128.451 persoas cobrando prestacións por desemprego coa seguinte distribución: 55.911 son prestacións distributivas; 59.308 son subsidios por desemprego e 13.232 corresponden á renda activa de inserción.

Malia subir o paro e de existir menos afiliados á Seguridade Social, aumentaron o número de contratos asinados, 59.094, un 3,08% máis que o mes anterior. Durante o ano 2014 rexistráronse 786.193 contratos, que son moitos, pero só o 7,86% son indefinidos. Por iso se asinan, mes a mes, tantos, sempre aos mesmos na mesma empresa.

É para facer máis horrendo o retrato, 13.000 galegos/as emigraron no primeiro semestre do ano 2014, co que o número desde o 2008 se eleva a 160.000 novos emigrantes.

Boa parte da culpa deste panorama tena a lexislación que puxo en marcha o PSOE no 2011 e na que logo afondou o PP.

Alfonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar