237 mil peregrinos recolleron a «compostela» en 2014

Peregrinos Oficina Peregrinación Santiago

O número de peregrinos que recolleron a ‘compostela’ en 2014 superou os 237.000, cifra que supón incrementar en máis dun 10% o do ano anterior.

Os de orixe estranxeira representaron máis do 52% do total. Concretamente, contabilizáronse 124.301 peregrinos internacionais na oficina de Santiago, un 13% máis que en 2013.

As procedencias foron diversas, con 156 países distintos, o que, a xuízo da Xunta, mostra «a grande capacidade do Camiño para atraer visitantes de todo o mundo».

Despois de España, o país do que procederon máis peregrinos en 2014 foi Italia, que superou os 20.000 peregrinos e subiu así o seu dato nun 30%.

Os italianos superaron os peregrinos procedentes de Alemaña, que nos últimos anos eran os máis numerosos. A continuación, o ranking de emisores de peregrinos estranxeiros continúa con Portugal, Estados Unidos, Francia, Irlanda, Reino Unido, Corea, Australia e Canadá. Tamén ocupan postos relevantes países como Brasil, México e Xapón.

En canto aos camiños, a ruta máis demandada segue sendo a Francesa, con máis de 161.000 peregrinos, o 68% do total. Tras este camiño situouse o Portugués, con 35.000 peregrinos, o 14,9% do total.

A estas dúas rutas séguenlle o Camiño do Norte, que ten un peso sobre o total do 6,34%; a Vía da Prata, cun 3,57%; o Primitivo, cun 3,48%; e o Inglés, cun 3,02%. O Inglés, a pesar de ser o menos transitado, é o que ten un maior crecemento de peregrinos, do 63% respecto a 2013.
ALOXADOS

No que respecta a viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros dos concellos polos que transcorre o Camiño Francés, nos once primeiros meses do ano foron 336.697, un 15% máis.

Máis da metade deles foron estranxeiros, os cales subiron un 20,2% en variación interanual.

As pernoctaciones do total de viaxeiros nestes establecementos do Camiño Francés superaron as 355.000, co que o incremento foi do 14,3%.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar