Pensar antes de votar

En política aínda estamos en primaria. Como moito, cando nos decidimos a votar, facémolo por aqueles que pensamos que “o van facer mellor”. E por quen logo?, preguntarase algún avisado.

Non se trata de xestionar, nin sequera como xestionar, senón ao servizo de quen. Aí está a esencia da política e a pregunta que nos deberíamos de realizar os cidadáns. Pero os votantes somos incapaces de relacionar o que nos pasa no día a día cos nosos votos, coma se fosen dous mundos non xa separados, senón antagónicos.

Nestas datas de saturación nos hospitais e de camas polos corredores puiden falar aínda con ben amigos e familiares. Todos están indignados cos que mandan e, se os atoparan por diante, diríanlles catro verdades ben ditas e ben cantadas. E os que mandan non só son os directores do hospital, senón calquera médico, enfermeira ou auxiliar que apareza con bata branca. Para a maioría, todo se restrinxe a que non saben facer as cousas: son malos no seu.

Dilles ti que o que está a pasar nese hospital é unha decisión política. Convénceos que é froito dos recortes da sanidade. Explícalles que, malia a crise e estar intervidos pola Troika, estados como o portugués, o grego ou o irlandés, o español foi o que máis depauperou os servizos sociais, sanidade ou educación.

Dilles que na Galiza a sanidade pública se está deteriorando pois a política que puxo en marcha Núñez Feixó o que trata é de potenciar a sanidade privada, mentres a pública quedará, cada vez máis, coma unha beneficencia que lembrará aqueles hospitais provinciais para pobres do franquismo.

Móstralles que o decreto que regula o sistema de garantías de tempos máximos nas prestacións sanitarias públicas hospitalarias, que vai ditar a Xunta para loitar contra as listas de espera, á larga será totalmente negativo, pois o que trata é pór a sanidade na man das grandes empresas, e só ollaran que non terán máis que agardar 60 días para operarse.

Convénceos que non é que os que mandan o fagan mal, senón que esa é a política lóxica e efectiva que aplica a dereita. A mesmiña que puxera en marcha Margaret Thatcher, cos resultados desastrosos que xa se coñecen para as clases medias e populares da Grande Bretaña. Relátalles como son esas políticas as que levan, por exemplo, a que os escoceses queiran separarse.

Móstralles que foi esa política, precisamente esa, a que votaron a maioría dos galegos, así que non se chamen a engano. Diranche que si, pero ninguén vai crerte. Seguirán sen ver que relación teñen os seus votos con aqueles cousas que lles ocorren a diario.

Alfonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar