Galicia, destino no Nadal

Nava Castro_Turismo Nadal

Galicia celebrará este Nadal cun programa especial cargado de actividades tradicionais e numerosas novidades. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou hoxe un programa que posicionará a Galicia como destino turístico durante esta festividade.

No programa destaca a gran oferta belenística que atesourará Galicia neste Nadal. O Belén artesanal en movemento de Valga, en Pontevedra, e o Belén electrónico de Begonte, en Lugo, declarados Festas de Interese Turístico de Galicia son algúns dos grandes protagonistas do Nadal en Galicia. O Belén electrónico de Begonte celebra este ano por primeira vez a dita distinción concedida pola súa singularidade determinada polo feito de realizar un Belén con pezas artesanais e mecanismos electrónicos para o seu movemento que serviu de inspiración a outras iniciativas similares.

Outro dos grandes atractivos desta festividade será o Belén da Catedral de Santiago, que Turismo de Galicia inaugurará o próximo martes, día 9 de decembro, e que xa pode visitarse ata o día 7 de xaneiro. Un Belén tradicional de 55m2, con máis de 550 pezas, decorado, realizado e tallado a man de forma artesanal, que amplía e enriquece a oferta belenística da nosa comunidade autónoma e converterase nun dos epicentros turísticos neste Nadal.

Ademais a nosa comunidade conta con recoñecidos beléns históricos entre os que podemos destacar, na cidade da Coruña o belén da Grande Obra de Atocha inaugurado por primeira vez en 1923; en Betanzos, o belén do Liceo que conta con arredor de 600 pezas e figuras en movemento ou en Ferrol, o belén da Orde Terceira, que presenta un enorme portal con máis de 200 figuras tamén en movemento. Na provincia lucense é salientable o belén de Viveiro a escala natural. E na provincia do interior é un clásico o belén do escultor Arturo Baltar, realizado con figuras de barro cocido e policromado.

As cidades tamén verán aumentar o seu número de visitantes grazas aos mercados de lecer diseminados polas catro provincias que convértense nun forte reclamo turístico e unha das motivacións principais a hora de escoller destino durante esta festividade. Entre eles, este ano destaca o Mercado da Quintana, que, por primeira vez, celebrarase na céntrica praza compostelá do día 12 de decembro ao día 5 de xaneiro. Nel, artesáns, produtores, comerciantes e restauradores exhibirán e venderán os seus produtos, pezas e coleccións de decoración e produtos de Nadal nunha escenografía que imitará unha rúa comercial de estética afín á arquitectura tradicional galega.

Tamén a artesanía será protagonista este Nadal en Galicia. A exposición de xoiería “Bosques de Prata” en Santiago de Compostela ou a mostra de artesanía do Nadal en Ourense son algunhas das grandes citas.

Tamén Galicia ofrece este Nadal un amplo conxunto de actividades culturais que inclúen música, teatro, xogos, obradoiros, concursos, etc. Como o “Nadal no Gaiás 2014” ou o espectáculo do Centro Dramático Galego “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas”,

O Belén Artesanal en Movemento en Valga
O programa foi presentando na visita da directora de Turismo de Galicia ao Belén Artesanal en Movemento en Valga, un dos grandes atractivos turísticos de Galicia no Nadal. Este é o segundo ano que o dito Belén celebra a distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia trala súa declaración pola Xunta de Galicia.

Trátase da mostra artesanal en movemento máis grande de Galicia e conta cunha grande variedade de escenas nas que se recrea o Nacemento pero tamén costumes e oficios representados por personaxes coñecidos da vila, persoeiros famosos e ilustres que habitan unha paisaxe con diferentes microclimas dentro dun espazo de grandes dimensións.

A directora de Turismo de Galicia, destacou a gran afluencia que está a acadar esta festa nas últimas edicións. “Este magnifico Belén foi visitado por máis de 40 mil persoas o pasado ano, o que exemplifica o gran atractivo do Belén de Valga e a gran repercusión en cifra de visitantes que ten para o concello e, en extensión, para toda Galicia”.

Así mesmo Nava Castro salientou o carácter popular e participativo desta festa, destacando o traballo, entusiasmo e dedicación dos veciños, así como o dobre valor cultural que posúe, por unha parte contribúe a manter a tradición belenista e por outra destaca a vertente formativa amosando oficios xa desaparecidos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar