TVG estrea esta noite «Pazo de Familia»

Pazo de Familia_TVG

Grande estrea na TVG esta noite, coa chegada ás pantallas da nova serie “Pazo de Familia”, un spin off da xa coñecida e arraigada no imaxinario popular “Libro de Familia”, a serie máis lonxeva e unha das de máis éxito da historia da canle autonómica. Pero esta produción de luxo promete ser moito máis que a continuación desta exitosa serie, que, ao longo de máis de 300 capítulos, deu a coñecer a familia Cabanas en todos os fogares galegos.

A nova aposta da TVG conta con varios dos mellores actores galegos, entre os que figuran Mabel Rivera, Mayka Braña, Luís Iglesia, Iolanda Muíños, Gonzalo Uriarte ou Ledicia Sola, para encarnar os personaxes dun novo mundo de glamour, ambición e poder que retrata unha etapa fundamental da nosa historia recente, en que a burguesía debía adaptarse á modernidade e a xente do campo vía a cidade como unha oportunidade de progreso. Un novo mundo non só para os espectadores que sintonicen hoxe a Galega, senón tamén para os propios protagonistas da serie, os Cabanas.

A trama comeza cando, tempo despois da morte de Manuel no último capítulo de “Libro de Familia”, Sara (Mayka Braña), o pequeno Lolo (Jaime Faraldo) e Cosme Cabanas (Gonzalo Uriarte), deixando atrás o pasado e con el a vila de Santalla, irrompen nun mundo novo, da man de Marisiña (Iolanda Muíños), buscando un sitio onde poder seguir adiante. Este sitio é a luxosa casa dos Pardo Veiga, a familia máis poderosa, admirada e envexada da cidade.

Aparentemente, Sara e Cosme chegan a un universo sólido que ten as súas propias regras e o seu propio equilibrio, pero unha vez dentro, non tardarán en comprobar que ese equilibrio é moi fráxil e que os Pardo Veiga son un xigante con pés de barro. Sobre todo, cando Emilio (Luís Iglesia), o primoxénito, que nunca se dobregou á vontade do seu pai e escolleu o seu propio camiño como comprometido xornalista, non só se namore de Sara, rebelándose contra unha inminente voda de conveniencia que lle aseguraba á familia un poder aínda maior, senón cando descubra, horrorizado, que o seu pai non é o grande home que aparenta ser, senón un mostro sen escrúpulos, capaz de calquera cousa por preservar o seu imperio.

Combinando grandes historias de amor con tramas de poder e de intriga e con toques de comedia costumista, a través dos ollos de Sara e Cosme, “Pazo de Familia”, producida por Central de Telecontenidos, introducirá os espectadores no apaixonante mundo dos Pardo Veiga, que representan a burguesía galega que emerxeu a mediados do século XIX, amosando as grandezas e as miserias dunha saga familiar destinada a marcar unha época. A mesma ambición que ten esta serie. Para isto, esta produción de gran formato mesturará o épico e o cotián, conformando o retrato da nova e trepidante modernidade que comezaba a albiscarse nos anos 80.

No primeiro capítulo, os espectadores verán esta noite como o espectacular pazo onde vive unha das familias máis influentes de Galicia, en comparación co eles deixan atrás en Santalla, é só un dos contrastes cos que se atopan os Cabanas. Sara, como cociñeira, e Cosme, como xardineiro, non tardan en percibir a mesquindade de Rita (Carmen Méndez), a esixencia de dona Leonor (Mabel Rivera) e a altivez da súa filla Mónica (Iria Sobrado). Ademais, na casa non admiten nenos. Que facer entón con Lolo?

Pero, para contrastes, os que existen entre a propia familia Pardo Veiga: o compromiso de Emilio fronte á falta de escrúpulos nos negocios de seu pai, don César (Arturo Zas), é só un deles. A multitude de tramas e localización levarán o espectador desde a redacción xornal onde a Claudia (Beatriz Serén), filla de Emilio e neta de don César, e Daniel (Iván Marcos) teñen a súa propia historia, cun posible asasinato incluído, ata o club de golf onde Emilio accede a verse cunha fermosa e descoñecida muller que talvez teña algo que ver cos millonarios negocios familiares.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar